A Biblioteca de Nigrán acolle a presentación da novela “Dimensión Zero”

A Biblioteca Municipal de Nigrán acolle este venres 11 de agosto ás 20:00 horas a presentación da novela “Dimensión Zero”, escrita polo madrileño Jesús Bocho e gañadora do Premio de Narrativa Camilo José Cela 2019. A obra está ambientada na comarca do Val Miñor, considerada para Bocho como o seu segundo fogar. Actualmente, está a traballar xa nunha segunda parte coa idea de crear unha saga. O acto estará presentado polo concelleiro de Cultura de Nigrán, Roberto Garrido.

Con esta novela gañadora do Premio Camilo José Cela, Jesús Bocho introdúcenos nunha trama policíaca na que dous policías destinados na comisaría de Vigo comezan a investigar a desaparición dunha moza cuxa principal referencia é a súa pertenza a un grupo que xoga a “Dimensión Zero”, un xogo de rol de moda. Ao cabo duns días, o grupo verase afectado por unha serie de tráxicos acontecementos que involucrarán aos policías nunha frenética actividade para desenmascarar o que está a ocorrer. Ao mesmo tempo que o lector se envolve nesta trama, vai descubrindo, entre brumas e sol estival, a comarca galega do Val Miñor.

Licenciado en Informática e Psicoloxía, Jesús Bocho soubo compaxinar o seu traballo como informático na Universidade Nacional de Educación a Distancia coa formación de nenos e mozos no ámbito do tempo libre e como psicólogo tivo a oportunidade de mergullarse na complexidade da mente humana. Ademais de “Dimensión Zero”, escribiu varios relatos curtos e algúns poemas.