Burger King, Decathlon, Lidl, Norauto, Worten e AKI xerarán 185 empregos en Porto do Molle

FOTO: ZONA FRANCA // Parque empresarial de Porto do Molle.

O Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV) logrou captar a instalación de seis novas empresas comerciais para a área urbana de Vigo. Trátase das firmas Burger King, Leroy Merlin-AKI, Worten, Norauto, Decathlon e Lidl que xerarán inicialmente 185 empregos no parque empresarial de Porto do Molle (Nigrán). A operación foi aprobada hoxe polo comité executivo do CZFV e materialízase a través da adxudicación en opción de compra de 30.000 metros cadrados para a construción dunha nova zona comercial.

O comprador é a sociedade López Real 09, SL, que promoverá unha área comercial de 8.500 metros cadrados e 400 prazas de aparcadoiro, con confirmación de emprazamento para 6 firmas iniciais, sen descartar a incorporación de máis operadores comerciais.

O Consorcio da Zona Franca de Vigo captou nos últimos catro anos un total de 275 novas empresas que xeraron 3.239 empregos na área de Vigo, no que supón duplicar desde 2013 o número de firmas instaladas nos seus parques industriais. Coa nova operación, o CZFV alcanza as 631 empresas e os 20.685 empregos emprazados en chan industrial promovido polo Consorcio.

Teresa Pedrosa, delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, subliña que “localizar industrias e fixar emprego en Vigo é o noso papel esencial como axente de desenvolvemento local; sempre tentamos atraer investimento privado cun compoñente de innovación e xeración de riqueza”. Pedrosa anunciou que xa están a negociar con varias empresas para a súa próxima implantación no Porto Seco de Salvaterra-As Neves (Plisan), no que a institución participa coa preparación e urbanización dos terreos e viarios de conexión.

Ecoforest duplica o seu investimento en Porto do Molle

O comité executivo do Consorcio da Zona Franca de Vigo tamén acordou hoxe adxudicar en opción de compra unha superficie de 14.823 metros cadrados de chan empresarial de Porto do Molle á compañía Ecoforest Geotermia, que se suman aos 15.586 metros cadrados xa adquiridos por por a mesma firma hai 7 meses. A empresa ten en fase de construción dunha gran planta de produción no parque empresarial de Nigrán. O CZFV vende a nova parcela por 1,8 millóns de euros.

Ecoforest Geotermia é unha empresa especializada na enxeñería de produto e a fabricación de bombas de calor xeotérmicas, bombas de calor aerotérmicas, estufas e caldeiras de pellets, estufas e caldeira de leña e sistemas híbridos. Ecoforest é unha das compañías con maior investimento en I+D+i e conta co selo de PEME Innovadora que o CZFV outorga ás empresas con maior esforzo innovador.

Anuncios