Villas Marineras presenta a súa oferta en Fitur e entrega o seu premio anual a María Castro

Este xoves presentouse no recinto feiral IFEMA de Madrid, onde se está desenvolvendo FITUR (Feira Internacional de Turismo), a nova campaña de Villas Marineras, “Caerás nas súas redes”, na caseta de Galicia. A presentación desenvolveuse de forma moi emotiva, “valorando o traballo en equipo desde hai 20 anos como alicerce fundamental desta agrupación”, tal como expresou Ángel Rodal, alcalde de Baiona e presidente actual da Asociación Villas Marineras.

Villas Marineras é unha asociación supramunicipal composta actualmente por 6 municipios de 3 comunidades autónomas españolas localizadas no norte e noroeste de España, territorio que se estende desde a costa Atlántica, na parte máis occidental de España, ata a costa cantábrica. De Galicia o municipio de Baiona, de Asturias, Ribadesella e Llanes, e de Cantabria, San Vicente de la Barquera, Santoña e Laredo.

O principal obxectivo da Asociación de municipios turísticos Villas Marineras, desde a súa creación en 1998, foi o de poñer en valor e aproveitar os recursos marítimos e pesqueiros destes municipios para promocionar un turismo sustentable durante todo o ano.

Os seis municipios que forman parte da asociación posúen un eixo común que os une neste obxectivo. Todos estes municipios posúen unha arraigada tradición mariñeira e o Camiño de Santiago, aspectos que constitúen os alicerces fundamentais e diferenciadores do destino.

Villas Marineras aposta polas experiencias turísticas, a xeración de valor engadido así como por un turismo sustentable e de calidade.

Desde 2017 ata 2019 está a levarse a cabo a execución do Plan Estratéxico de Villas Marineras baixo a presidencia do Alcalde de Baiona, Ángel Rodal. Este Plan constitúe a folla de ruta a seguir para o incremento da competitividade do destino e mellora do posicionamento a nivel nacional e internacional.

A apertura da presentación foi realizada polo Delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, que remarcou o traballo e a constancia destes seis concellos por un obxectivo en común, o turismo. A continuación, tomou a palabra o Presidente de Villas Marineras e Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, que manifestou o seu orgullo polo posicionamento dunha marca que representa a unión e a constancia.

A nova campaña de turismo de Villas Marineras, “Caerás nas súas redes”, consta de material promocional como folletos turísticos, unha guía para operadores turísticos, mapa turístico e vídeos. Trátase de material que servirá de apoio na accións de comercialización.

Como colofón final o Presidente convidou a subir ao escenario ao resto dos representantes dos concellos de Villas Marineras para proceder á entrega do premio anual da asociación á actriz María Castro.

O premio Villas Marineras é un galardón co que se premia a unha persoa ou institución cuxos valores se identifiquen cos valores que promove Villas Marineras e que defenda, exalte ou promova o patrimonio e os valores dos municipios que forman parte da asociación. Obxectivo principal desta acción é crear contido sobre a marca e conseguir un posicionamento desta a través de prescritores.

Ata o momento entregáronse dous premios, o primeiro ao xornalista Carlos Herrera no ano 2015, recibido en FITUR en xaneiro do 2016, premiando a divulgación que este xornalista fixo de Villas Marineras nos medios de comunicación, e o segundo a Iñaki Gabilondo, entregado no municipio de San Vicente de la Barquera en novembro do 2016.

Nesta ocasión, o premio foi concedido a María Castro polo labor que realiza exaltando o patrimonio, tradicións e a excelencia da gastronomía das vilas mariñeiras.

A actriz agradeceu o premio cunhas emotivas palabras e anunciou que durante os actos de celebración da súa voda, os invitados e os noivos farán labores de reforestación no monte arrasado polos incendios en Baiona. “Chegarei á miña voda coas uñas negras, pero o corazón contento”, expresa emocionada María Castro.

Finalizou o seu discurso cun “en Villas Marineras, si quero”, manifestando así o seu amor por esta terra con arraigada tradición mariñeira.

ASEMBLEA ORDINARIA

Unha vez finalizada a presentación, levouse a cabo no Hotel Meliá Avenida América a Asemblea Ordinaria da Asociación de Villas Marineras na que participaron os alcaldes, alcaldesa, concelleiras e técnicos/as de turismo dos concellos de Baiona, Ribadesella, Llanes, San Vicente de la Barquera, Laredo e Santoña.

Na reunión, entre outros asuntos, fíxose balance do ano 2017 valorando os positivos resultados das accións desenvolvidas desde a nova xerencia e concretouse o plan de traballo 2018 reflectido no Plan Estratéxico, en estado de execución.

Así mesmo, iniciouse tanto a planificación do próximo Día de Villas que no ano 2018 celebrarase en Ribadesella, como a apertura de presentación de candidatos/as para a entrega do V Premio de Villas.

Anuncios