Chandebrito 1807 denuncia irregularidades no cobro da taxa de vados

A Asociación Veciñal “Chandebrito 1807” cuestiona publicamente ao alcalde de Nigrán pola aprobación do padrón de contribuíntes e posta ao cobro ata o próximo 12 de febreiro do recibo da taxa por “Entrada de vehículos a través das beirarrúas” do exercicio 2014, sen solucionar aínda as numerosas irregularidades existentes na confección do padrón de contribuíntes.

“En primeiro lugar o alcalde debería explicar publicamente por que razón fixo deixamento das súas funcións na posta ao cobro desta taxa, xa que chegou ao goberno municipal en xuño de 2015 e non puxo ningún recibo ao cobro ata ano e medio despois, período de tempo no que tampouco resolveu debidamente os recursos presentados polos afectados contra a elaboración do padrón da taxa. As consecuencias son que a veciñanza de Nigrán está pagando unha taxa con catro anos de atraso a pesar das falsas promesas de que se buscaría unha fórmula de evitar o pago dos recibos atrasados”, aseguran desde o colectivo veciñal.

Entre as moitas irregularidades detectadas por esta agrupación e que seguen sen solucionarse están:

– Emitíronse recibos para o cobro do exercicio completo a contribuíntes que recibiron a notificación da alta de oficio na metade de dito exercicio e incluso unha vez rematado, cando non procedía o carácter retroactivo do cobro e máis aínda tendo en conta un acordo plenario o 30-10-2014 neste sentido co voto favorable do PSOE.

– Cóbrase a taxa de entrada de vehículos a pesar de carecer a entrada da concesión dun “vado permanente” coa correspondente placa e incluso nalgún caso co agravante de ser o propio concello o que negou a concesión do vado, co cal non se garante o aproveitamento especial efectivo da beirarrúa.

– Fixéronse cobros irregulares por entrega da placa de vado permanente e nalgún caso que se reclamou o importe non foi atendida a solicitude.

– As vivendas unifamiliares con dúas entradas na maioría dos casos computan só un acceso, pero nalgúns casos as dúas, creando así un agravio comparativo entre veciños.

– Nalgún dos casos de vivendas colectivas computáronse máis prazas de vehículos das que realmente existen.

– Non se atenden as solicitudes de baixa da taxa pretendendo así convertela en obrigatoria aínda que o servizo non se queira por parte da veciñanza, cando o concello podería resolver facilmente o problema aceptando a baixa e elevando o borde da beirarrúa.

Anuncios