Gondomar abre as inscricións para participar no concurso de comparsas

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Desfile de comparsas en Gondomar.

A Concellería de Cultura de Gondomar dirixida por Nuria Lameiro abre este mércores día 17 de xaneiro o prazo de inscrición para participar no concurso de comparsas de Entroido, cuxos premios son unha axuda de 900 € para a gañadora, 700 € para a segunda clasificada, 500 € para a terceira, 6 axudas de 300 € e outras 6 axudas de 200 € para as seguintes clasificadas, ademais de outros 300 € á mellor carroza.

O desfile celebrarase o domingo 11 de febreiro a partir das 16:00 horas circulando polas principais rúas de Gondomar. Un xurado composto por 7 persoas e presidido polo alcalde, Paco Ferreira, será o encargado de elixir os gañadores, tendo en conta detalles como o vestiario, a maquillaxe, a escenografía e a música en directo. Non está permitido que participen cabalos ou outros animais no desfile.

O mínimo de participantes de cada comparsa é de 20 persoas maiores de 18 anos. As comparsas interesadas terán que inscribirse no Rexistro do Concello a través da Sede electrónica, o prazo termina ás 00:00 do luns 29 de xaneiro. A documentación que deben achegar cada un dos grupos varía no caso de que se presenten como comparsas de agrupacións xa rexistradas ou como agrupacións informais.

No caso das primeiras, as agrupacións deberán acreditar que se atopan rexistradas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, ademais da documentación: DNI do representante legal, CIF da entidade, declaración xurada de non perseguir fins lucrativos coa devandita actividade, certificar que se atopan ao corrente das súas obrigacións fiscais e un orixinal de certificado de conta bancaria.

As comparsas de agrupacións informais unicamente deberán presentar o certificado da conta bancaria orixinal, fotocopia do DNI do representante e o Anexo 1 asinado e cuberto.

Será obriga de todas as comparsas a participación no enterro da sardiña o mércores 14 de febreiro cun mínimo de 10 persoas que verificarán no mesmo momento a súa presenza.

Os grupos participantes serán convocados a unha reunión no Concello o día 5 de febreiro ás 19:00 horas, para informar os responsables de cada grupo dos pormenores do desfile e as normas específicas do concurso.

Anuncios