Tres meses despois as pedras do Monte do Castro seguen ameazando aos veciños

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // O Monte do Castro de Chandebrito tras os incendios forestais.

Hoxe cúmprense tres meses dos terribles incendios do 15 de outubro e o risco de desprendemento de pedras no Monte do Castro, en Chandebrito, segue preocupando aos veciños. O Concello instou o pasado 3 de novembro á Xunta para que os seus técnicos estudasen urxentemente esta probabilidade, e no seu caso, tomase todas as medidas preventivas ao respecto.

Na ladeira Sur e Oeste existen grandes pedras nunha zona que presenta unha forte pendente e que actualmente non conta con vexetación ou matogueira a causa do lume que arrasou a zona, e o nerviosismo crece ante as intensas choivas das últimas semanas, que aumentan o posible perigo de desprendemento cos consecuentes danos tanto nas edificacións como nas vivendas que se atopan na saia do monte, así como nos vehículos que circulan pola Rúa da Igrexa e Camiño das Pereiras.

A solicitude da Comunidade de Montes de Chandebrito tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta ás 12:34 horas do mesmo venres, e a resolución de Patrimonio autorizando a intervención foille comunicada mediante correo electrónico ás 15:11 horas. A Xefatura Territorial de Patrimonio en Pontevedra catalogaba as obras de escasa entidade e, en consecuencia, consideraba que non había inconveniente para a realización das actuacións que se poidan executar.

Con todo, máis de dous meses despois, os veciños esperan o informe que lles permita asegurar a zona. Segundo o presidente dos comuneiros, Víctor Vidal, a intervención consistiría na colocación dunha malla que impediría, no caso de que se precipitase algunha pedra, que alcance a parte inferior do Monte do Castro, e por tanto as vivendas ou a estrada.

As primeiras riadas obrigaron a realizar obras en varios puntos da parroquia para que o lodo e a terra non entrasen nalgunhas casas. Fai corenta anos desprendéronse dúas pedras sen causar danos materiais.

Anuncios