Baiona amplía o Mercado da Arribada ás rúas Carabela Pinta e Marqués de Quintanar

Desde este luns 15 de xaneiro ata o 2 de febreiro ambos inclusive, estará aberto o prazo de inscricións para participar no Real Mercado Medieval da Arribada 2018.

Todas aquelas persoas que o desexen poderán solicitar posto de venda no Real Mercado Medieval que este ano cumpre a súa 23ª edición e na que se conmemora o 525 Aniversario da Arribada. A Festa celebrarase o 2, 3 e 4 de marzo de 2018, sendo o venres 2 de marzo festivo local en Baiona. Poderanse descargar tanto as Bases Reguladoras como a solicitude (Anexo I e II) na páxina web do Concello www.baiona.org a partir do luns 15 de xaneiro. Así mesmo, para dúbidas e aclaracións habilitarase un teléfono de consultas 986 356 282 de luns a venres en horario de 17:00 a 19:00 horas.

Entre os cambios que experimenta este ano a festa en canto á súa regulación, atópanse a eliminación do aval esixido a todos os solicitantes nas edicións anteriores, simplificando o trámite administrativo e a incorporación das rúas Carabela Pinta ata a Glorieta de Colón e Marqués de Quintanar ata a Praza de Santa Liberata. Búscase con esta ampliación dar cabida á demanda existente de solicitudes que polas súas dimensións e produtos á venda, necesitan de rúas amplas e cómodas formando unha liña perimetral ao Centro histórico baionés e unha porta de entrada máis ao recinto da festa.

A organización da festa poñerá a disposición dos artesáns 70 postos do Concello, que serán sorteados entre todas as solicitudes, o sábado 10 de febreiro ás 11:00 horas no Salón de Plenos e posteriormente colocados e numerados nas rúas peonís do recinto histórico medieval da arribada.

A organización da festa xa está a traballar para que o 525 Aniversario da Arribada conmemórese como se merece, ao grande.