A AVSC A Unión organiza unha excursión ao maior Belén Vivente de Europa

A Asociación de Veciños “A Unión” de San Pedro da Ramallosa organiza unha excursión ao maior Belén Vivente de Europa o próximo sábado 20 de xaneiro. As inscricións poden realizarse nos teléfonos 986 35 48 84 ou 698 17 18 43. É imprescindible levar o DNI e moi aconsellable a tarxeta sanitaria europea.

A viaxe inclúe autocar de luxo para todo o percorrido, visita á vila de Povoa de Varzim, almorzo nunha quinta portuguesa con un típico menú dos país, con bebida e música en directo, visita á aldea de Priscos para coñecer o maior Belén Vivente de Europa, guía acompañante durante toda a viaxe e seguro de asistencia en viaxe.

Unha oportunidade para facer unha viaxe ao tempo de Xesús

Cerca de 800 figurantes dan vida a unha historia sempre antiga e sempre nova. É un espazo con preto de 30.000 m2 de ocupación e con máis de 90 escenarios, con referencia ás culturas exipcia, xudaica, romana, siria, grega e babilónica.

Non faltan moitos dos oficios que existían no tempo de Xesús: os ferreiros, o zapateiro, serradores, campesiños, a tecedeira, o oleiro, a panadeira, entre tantos outros escenarios da época.

Os visitantes poden desfrutar dunha vasta oferta gastronómica, dispoñible nas varias casas das “aldeas dos xudeus e dos romanos”. Poden saborear o “pan de César”, o “hidromel”, a “posca”, castañas asadas, café no pote, doces dos xudeus, pan romano, doces de Roma e o famoso puding “Abade de Priscos”.

O Belén Vivente de Priscos ofrece aos visitantes 4 grandes espectáculos: “O Casamento Xudaico”; “Cortexo da Luz”; “O Xuízo” e “O Funeral”. Unha das maiores atraccións deste evento natalicio será tamén a posibilidade de contactar con animais reais. A certa estrela deste Belén é o Pesebre, con máis de 10 metros de longo e coas figuras bíblicas de María, Xosé, o meniño Xesús, a vaca e o burro.
As construcións son feitas con paixón e experiencia polos habitantes de Priscos e por reclusos da Prisión de Braga, que ofrecen o seu tempo, habilidades e competencias para revivir o evento que mudou a historia do mundo.