Deputación de Pontevedra e Concello de Nigrán asinan o convenio para a futura biblioteca

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Carmela Silva e Juan González xunto parte do equipo de goberno de Nigrán.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Nigrán, Juan González, asinaron esta mañá o convenio o abeiro do plan de reequilibrio territorial da institución provincial para a construción da nova biblioteca da vila do Val Miñor.

Carmela Silva subliñou a importancia da sinatura deste convenio porque este tipo de infraestruturas son para “promover a cultura, a educación e mellorar o futuro” dos veciños e veciñas da localidade do Val Miñor. A presidenta recalcou mostrarse “moi satisfeita” por asinar este tipo de convenios porque “todo o que sexa promover a cultura e moi importante porque nos permite cambiar o mundo e nos permite dotarnos de instrumentos para promover a igualdade de oportunidades entre todos e todas”.

A Presidenta recordou que o Plan de reequilibrio territorial planificouse por parte da Deputación ao ser consciente das carencias en moitos concellos de menos de vinte mil habitantes. “Os veciños e veciñas da provincia poden así contar con infraestruturas culturais, deportivas ou de calquera tipo independentemente de onde vivan”.

Silva considerou a nova biblioteca de Nigrán como a inversión máis importante deste concello “e vai ser unha realidade ante de xuño de 2019”. “Este tipo de inversións son as que máis me gustan que fagan os concellos”, subliñou a Presidenta.

Pola súa parte, o alcalde de Nigrán, Juan González, cualificou esta firma “como un momento moi importante. Vainos permitir contar cun espazo cultural no centro de Nigrán para o futuro”.

O proxecto do edificio para a nova biblioteca ten un orzamento de 1.849.525 euros dos que a Deputación de Pontevedra aportará 1.479.620 euros e o concello 369.905 euros.

O novo edificio se expón nunha parcela municipal (FR-5) de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (á beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, fronte a rúa do Panasco) nun lugar facilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado e que foi consensuado previamente cos grupos políticos e técnicos municipais. O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que se poidan crear duplicidade de entradas, con accesos tanto dende a planta baixa como dende a primeira, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Dende o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que comunica co gran patio existente e que, ao mesmo tempo, supón unha zona previa á entrada da biblioteca por planta baixa.

O proxecto do estudio Gándara#Pons contempla un edificio de catro alturas de planta irregular e cunha superficie total construída de 1.260 m2 (a actual biblioteca do Cean ten 120 m2) e clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sustentabilidade ambiental.

Cun deseño de liñas modernas e sobrias adaptado á morfoloxía da parcela, a fachada se expón de granito e morteiro de cal e a xeometría da planta responde á propia forma do solar. O edificio consta de catro andares: na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na planta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos; e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior.

O plan de reequilibrio territorial contempla 25 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes que recibirán 15 millóns de euros en subvencións da institución provincial para desenvolver un proxecto singular en cada termo municipal que foi proposto por cada concello con criterios obxectivos, transparentes e claros que garanta unha lixeira compensación polo reparto de subvencións por anteriores corporacións provinciais.

Anuncios