Alerta laranxa en todo o litoral galego por temporal costeiro

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Ondas no Rompeolas.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta amplía a alerta de temporal costeiro de nivel laranxa vixente a todo o litoral galego.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) amplíase a alerta vixente nas provincias da Coruña e Lugo ao litoral da provincia de Pontevedra. Espérase mar combinada do oeste ou noroeste, con ondas entre 5 e 6 metros, chegando a 8 metros en Bares, e no norte de Fisterra que poderán chegar ata os 7 metros, ademáis de vento do suroeste de forza 7-8.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Tamén recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.