Adrián Valverde proclamouse campión de Galicia Elite de ciclocrós en Santiago

FOTO: LUZ IGLESIAS // Adrián Valverde no Campionato de Galicia de Ciclocrós en Santiago.

Adrián Valverde despediu a tempada autonómica de ciclocrós desde o máis alto do podio. O corredor do Club Ciclista Rías Baixas adxudicouse o título Elite no Campionato de Galicia disputado o último día do 2017 en Santiago de Compostela. O baionés obtivo un éxito que ata o momento resistíraselle.

A cita máis esperada do calendario galego resultou épica. Con alerta laranxa por choiva e vento, o circuíto do Estadio de San Lázaro converteuse nun barrizal. Unha dureza extra á que Valverde respondeu indo de menos a máis.

Dous sub23 dominaron a proba elite masculina. Iván Feijoo (Academia Postal – Actyon – MMR) venceu con 1:38 de vantaxe sobre Samuel González (Salvaterra) e por detrás deles o representante do proxecto que preside José Luis Chamorro impúxose con solvencia entre os elites. Valverde cruzou a liña de meta a 3:11 de Feijoo e cunha marxe de 1:22 sobre Óscar Vázquez (OVCBikes). O terceiro posto elite correspondeulle a Luis Fernández Oliveira (Avanza).

Este triunfo supuxo un broche de ouro a outro inesquecible ano para Valverde, campión de Galicia de XCO e segundo clasificado elite na Copa Galicia de Ciclocrós, e tamén para o Club Ciclista Rías Baixas. A estrutura miñorana celebrou éxitos durante o 2017 en todas as modalidades e esta última vitoria supón unha dobre alegría ao rubricala un corredor formado nas categorías inferiores desta entidade.