O PP de Gondomar acusa a Carmela Silva e Caballero de acabar co tradicional certame de Rondallas

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // A Rondalla de Vincios no Certame de Rondallas de Vigo.

A presidenta do Partido Popular de Gondomar, Paula Bouzós, acusa a Carmela Silva, presidenta da Deputación, e ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, de liquidar unha tradición de mais de trinta anos coa supresión do tradicional certame de Rondallas. “Desde fai moito tempo por estas datas, era xa tradición a celebración do certame de Rondallas, un evento que reunía a mais de doce mil persoas do sur da provincia. Coa chegada de Carmela Silva á Deputación Provincial, esta descartou a celebración do certame alegando «exceso de presuposto». Entón xurdiu Caballero como gran salvador organizando el o certame, iso si, financiado pola Deputación, pero polo visto non foi mais que unha cortina de fume”.

Ante o comunicado oficial que vén de publicar a Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo, Paula Bouzós afirma que «non é de recibo que se agarde ata última hora para descartar a celebración deste certame, xa que as rondallas levan moitos meses ensaiando e preparando as súas actuacións, entre as cales sempre contaban con este certame».

A presidenta do PP gondomareño bota en falta un pronunciamento de Paco Ferreira, Alcalde de Gondomar, na defensa dunha tradición de moitos anos e de dúas das agrupacións mais antigas da comarca. Gondomar conta con dúas rondallas, a Rondalla de Vincios que este ano cumpre 75 anos, e a Rondalla de Chaín con mais de trinta anos. Dende sempre estas rondallas e os seus rondalleiros agardan este certame, no cal poder exhibir o seu repertorio e recibir o cariño e agradecemento da multitude de xente que acude a velos. Esíxelle que reclame á Deputación Provincial de Pontevedra que rectifique e volva tomar as rendas deste prestixioso certame. «Xa no ano 2016 o alcalde Paco Ferreira non fixo nada por salvagardar este certame e con iso protexer o futuro das rondallas de Vincios e Chaín».

«Unha vez mais, volvemos a confirmar o pouco que importan a Paco Ferreira a cultura e as entidades culturais do noso concello», remata a Paula Bouzós.

Anuncios