5.000 euros repartidos en roscóns de Reis

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Alberto Gándara no seu obrador de Porto do Molle.

Chega o Nadal e con ela a tradición dos roscóns de Reis. E en Tupana Obrador hai outra tradición nestas datas, e é engadirlle a cada roscón un billete de 5, 10, 20 ou 50 euros, ata sumar un total de 5.000 euros, ademais da habitual figuriña do Rei e a faba de cacao.

O obxectivo da iniciativa, que naceu fai uns 8 anos, é promover o roscón de Reis e aumentar as vendas. “A tradición do roscón de Reis non é de aquí, senón o roscón de Pascua, e con estes premios foméntase a súa compra”, destaca Alberto Gándara, propietario de Tupana. O ano pasado alcanzáronse os 2.500 roscóns vendidos.

Os roscóns pódense adquirir en calquera dos establecementos repartidos pola comarca, en Pamipan en Gondomar, en Tupana Ramallosa, en Tupana Bayona ou en Tupana Obrador, onde se elaboran, situado en Porto do Molle.