O Concello de Gondomar ofrece este xoves 28 de decembro o espectáculo infantil “A nena que quería navegar”, de Redrum Teatro, dentro da programación de Nadal organizada pola Concellería de Cultura. Será ás 19:00 horas no Auditorio Municipal Lois Tobío cun prezo de entrada de 2,50 euros. O despacho de billetes abrirá ás 18:00 horas.
«A nena que quería navegar» é un espectáculo familiar recomendado para rapaces e rapazas entre seis e doce anos, no que se trata o tema do acoso escolar, tamén coñecido co termo anglosaxón “bullying”, co obxectivo de que os pequenos espectadores saian fortalecidos despois de asistir á representación e teñan ferramentas para previlo.
A nena está farta de ser o centro das mofas dos seus compañeiros, e por iso foxe da escola coa intención de non volver nunca máis. Na súa aventura topará co Xeadeiro, un ser máxico e vital, que a base de contos, adiviñanzas, xogos e cancións, devolveralle a autoestima perdida. Ensinaralle que dentro de cada un de nós agóchase un ser máxico, único e especial, e que só crendo nas nosas capacidades seremos quen de acadar todo o que nos propoñamos.
Este é un espectáculo optimista, colorista, emocionante, reflexivo e festivo no que se mesturan varias disciplinas artísticas como o teatro de monicreques, o de obxectos, as proxeccións e a música en directo.

