Ouro ao Mérito para Protección Civil Val Miñor polos seus 25 anos

Vinte e cinco anos ao pé do canón ben merecen un recoñecemento, ou polo menos isto é o que ten claro a xunta directiva da Asociación Nacional de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de España, ANAV, que de maneira unánime distinguirá o labor realizado desde a agrupación que presta servizo no Val Miñor coa Placa ao Mérito Categoría Ouro.

Os representantes da entidade recibirán o recoñecemento nun acto oficial conxunto previsto para o próximo 7 de maio na sede da Axencia Galega de Seguridade Pública, Agasp, na Estrada, e ao que poderán acudir os alcaldes de Nigrán, Baiona e Gondomar. Ademais dos do Val Miñor tamén estarán presentes representantes da AVPC de Cee, tamén galardoada por cumprir anos.

Para a entidade este é un ano moi especial, xa que será o primeiro que contará con preto dun centenar de voluntarios, 20 máis que en 2021, dedicados en exclusiva ao servizo de praias, dos cales unha decena xa se están formando para obter a titulación de socorrismo. En mes e medio teñen prevista a incorporación de 36 efectivos que están a piques de completar a instrución desde a Agasp mentres que outra ducia xa enviou a solicitude para entrar a formar parte. Unha vez que estean todos incorporados a cifra ascenderá a uns 140 aproximadamente.

O presidente da AVPC Val Miñor, Iago Álvarez, adiantou que celebrarán as súas vodas de prata e o recoñecemento da ANAV ao grande cun gran acto en modo simulacro para reflectir o mellor que saben facer, salvagardar vidas. Contarán coa colaboración dos Corpos e Forzas de Seguridade da comarca, grupos de emerxencias e mesmo Gardacostas de Galicia co seu helicóptero de salvamento “Pesca 1”. Entre todos recrearán un operativo de intervención nun escenario con múltiples accidentados. Será en Porto do Molle e aínda que polo momento non hai día fixado, Álvarez prevé que se leve a cabo a principios do mes de xuño. A fin de manter a intriga, preferiu non dar detalles de como se dispoñerá a simulación, aínda que confirmou que contará coa intervención de todos os efectivos presentes tanto por terra como por aire, co que a espectacularidade estará asegurada. “Temos en mente facer algo de gran formato para reflectir en que consiste unha operación destas características onde a coordinación é fundamental”, remata.