Finalizada a primeira fase da humanización da rúa Marqués de Quintanar

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Primeira fase das obras da rúa Marqués de Quintanar.

Tras finalizar con éxito as actuacións previstas nas humanizacións das rúas Cidade de Vigo e Laureano Salgado, a principios do mes de outubro deuse comezo ás obras de humanización da rúa Marqués de Quintanar, e hoxe xa podemos afirmar que a primeira fase dos traballos concluíu.

Os veciños xa poden gozar dunha nova zona humanizada, o tramo comprendido entre a Avenida Ramón e Cajal, PO-552, ata a súa confluencia coa rúa Laureano Salgado, xa aberta ao tráfico rodado.

Baixo a atenta supervisión da Concellería de Urbanismo e seguindo o Plan de investimentos comprometido pola empresa concesionaria da auga, Gestagua, ata a data foi executado o 30% do total das obras da rúa, cuxos principais traballos consistiron na renovación das infraestruturas que atenden os distintos servizos gozados polos veciños, e pola instalación doutras novas. Os capítulos executados consistiron na substitución dos sistemas de abastecemento de auga potable, rede de saneamento para a evacuación de augas negras, rede de pluviais para o desaugado do volume de auga de choiva, rede de electricidade de media e baixa tensión, rede de gas, redes de telecomunicacións e finalmente reafirmado mediante pedra de granito do país.

O deseño das beirarrúas, bordos, accesos a edificios, etc., realízase de modo que non se produzan barreiras arquitectónicas que dificulten ou fagan perigosa a circulación de persoas con discapacidades físicas. O Concelleiro de Accesibilidade, Policarpo Vilar, seguiu moi de preto as obras e estivo coa empresa construtora supervisando todo en materia de accesibilidade.

Con estas obras conséguese garantir o perfecto funcionamento dos distintos servizos públicos e conséguese dotar dunha nova imaxe á zona.

Desde o punto de vista técnico xa foron executados os traballos de maior complicación, con orixe na conexión de Marqués de Quintanar coa Avenida de Joselín, e no cruzamento coa rúa Laureano Salgado, que permitirán gozar dun gran espazo con prioridade peonil que redundará na súa utilización dos viandantes como área de encontro amable ao seu goce. A dotación de arboledo e pequenas zonas axardinadas achegarán valor engadido á contorna e dará lugar a unha nova zona de esparexemento e recreo aos baioneses.

Trátase dunha firme aposta pola humanización e mellora dos contornos urbanos, que contribúe ao benestar dos veciños, incrementando a habitabilidade, a comodidade e a sensación de comunidade.

“A renovación da rúa era moi importante para o municipio por ser unha das vías principais de entrada e con esta actuación sumaremos novos m2 humanizados. Neste tramo e nos restantes por executar, a rúa quedará completamente renovada tanto na súa parte visible como no subsolo, unha parte moi importante pois se renovan todas as pluviais, rede de sumidoiros, saneamento… Ademais, creouse un novo espazo de encontro a gozar polos veciños”, destaca o alcalde, Ángel Rodal.

“Con esta actuación prevista, preténdese lograr unha unificación de criterios urbanísticos dentro do Centro urbano que permiten poñer en valor esa identidade propia da que goza o Concello de Baiona“, apunta Rodal.

O orzamento da execución total das obras ascende a 809.066,32 euros, pero o custo das obras non supón ningún gasto a maiores para o Concello ao estar asumido pola nova empresa adxudicataria do servizo de abastecemento da auga, Gestagua, xa que unha das cláusulas do convenio establece que a empresa debe investir 1.400.00 euros durante o primeiro ano en obras de mellora en saneamento e abastecemento de auga.

INFOGRAFÍA MARQUÉS DE QUINTANAR
FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Infografía da rúa Marqués de Quintanar.