Segundo informa nun comunicado a Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo, este Nadal non se celebrará o Certame de Rondallas que cada mes de xaneiro se viña organizando no IFEVI.
“Despois dunha longa espera, e despois de que moitos nos preguntarades o motivo da demora este ano na repartición de invitacións, debemos informarvos, xa de forma oficial, que o Concello de Vigo comunicounos, este fin de semana, que este Nadal non se vai a facer cargo do Certame de Rondallas”, comeza o escrito da Federación. O motivo, o elevado custo deste evento, que se verá reducido a un certame unicamente coas Rondallas de Vigo.
A Federación lamenta que a estas alturas “non teñamos marxe de tempo suficiente para buscar alternativas e por tanto que, despois de máis de 30 anos, este Nadal non podamos gozar deste encontro cultural único en todo o país. Pero empezamos desde xa a traballar para recuperalo no próximo ano. Aínda tristes, queremos desexarvos a todos e a todas unhas felices festas, en especial a todo o mundo rondalleiro”, conclúen.

