Vincios énchese de música e cor para celebrar o 75 aniversario da súa Rondalla

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // A Rondalla de Vincios durante a súa actuación.

A Rondalla da Asociación de Veciños “Galiñeiro” de Vincios celebra o seu 75 aniversario, e que mellor forma de celebralo que convidando as Rondallas veciñas de Chaín, Parada, Beade, Valladares e Freixo. O Atrio da Igrexa de Santa Lucía encheuse este sábado de música e cor para festexar a efeméride, coa presenza de numeroso público e do alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e os concelleiros Nuria Lameiro e Jose Manuel Chamorro, que fixeron entrega dun agasallo a cada unha das agrupacións participantes.

As Rondallas, como vén sendo habitual, asombraron aos asistentes interpretando desde temas clásicos, música tradicional, bandas sonoras ou grandes éxitos do momento. Así, puidemos escoitar desde o tema principal da película “Braveheart” ata o hit do ano, “Despacito”, de Luis Fonsi e Daddy Yankee, unha recompilación dalgunhas das cancións máis coñecidas de Mecano ou Os Pallasos da Tele, ou “Mi gran noche” de Raphael.

Di a historia na boca da xente desta parroquia gondomareña que foi no ano 1942 cando un grupo de veciños entusiastas e con ganas de celebrar os Reis dunha forma distinta, xuntáronse uns cantos con instrumentos diversos organizados por unha persoa que á súa vez dirixía esta contenda. Foi aí o nacemento da que hoxe coñecemos como a Rondalla dos Veciños de Vincios, unha das máis antigas do sur da provincia de Pontevedra e con máis tradición na zona do Val Miñor.

Na actualidade confórmana 112 compoñentes, 100 rondalleiros e 12 abandeirados, dirixidos por Alexandre Fernández Castro e Armando Rial Pérez e Javier Pérez Alonso como Capitán da Rondalla e Capitán de Abandeirados respectivamente. Goza de moi boa saúde chegando mesmo á gravación dun CD no que expoñen unha proba da súa arte e a súa cultura.

A Rondalla percorre durante as festas de Nadal os barrios do pobo e acompaña á Cabalgata de Reis tanto na parroquia de Vincios como na Vila de Gondomar, ademais de participar en diversos certames de Rondallas en Bembrive, O Porriño, Valladares, Gondomar ou o Encontro de Rondallas do Val Miñor e o Certame de Rondallas do IFEVI.

No ano 2014 no Concurso de Rondallas da Deputación de Pontevedra celebrado no IFEVI, a Rondalla de Vincios quedou en quinta posición e o grupo de abandeirados conseguiu o primeiro premio. Un ano despois, no 2015, a Rondalla alcanzou o cuarto posto e os abandeirados repetiron en primeira posición.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios