Un punto de venda de Baiona reparte 250.000 euros do segundo premio da Lotería de Nadal

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // O propietario de Porto Press xunto co número premiado.

Juan abriu este venres a súa tenda de agasallos situada en Baiona, na que ademais ten un punto de venda de Loterías e Apostas do Estado, coa mellor noticia que podía recibir. Dous décimos de terminal do número 51.244 vendidos no establecemento resultaron agraciados co segundo premio do Sorteo Extraordinario de Nadal, de 1.250.000 euros por serie, que saíu do bombo ás 9:56 desta mañá.

“Non sabemos nin cando se venderon nin a quen, nin se foi a unha persoa soa ou a dúas”, comenta o propietario de Porto Press, situada en Alférez Barreiro, 11, que tamén lembra que ao ser zona turística o ou os agraciados poderían non ser da contorna. “É unha alegría o poder repartir sorte á xente, sobre todo á que supoño e espero que o necesitase, unha axudiña sempre é boa”.

Nos catro anos que leva rexentando este punto de venda, Juan repartiu outros premios, como un gran premio de La Primitiva ou un segundo premio da Lotería Nacional. O posuidor de cada décimo recibirá 125.000 euros, o que fai un total de 250.000 euros repartidos pola tenda baionesa.