Historia, xoguetes educativos e ilusión no Concello de Baiona por Nadal

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // O grupo de escolares no Salón de Plenos.

O Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e a Concelleira de Educación, Beatriz González, recibiron aos nenos e nenas das escolas infantís baionesas de “O Agro” de Baredo e “O Areal” de Sabarís e do C.P.I. de Cova Terreña.

Os pequenos de Baredo entusiasmados fixeron entrega de agasallos elaborados por eles mesmos e con axuda dos seus pais e familiares. Pola súa banda os de Sabarís, levaron un calendario elaborado por eles mesmos expresando os seus mellores desexos para o 2018.

Por parte da Concellería de Educación fíxoselles entrega dun xogo educativo para traballar a motricidade tan importante para o inicio da etapa escolar. Trátase dun xogo de habilidade fabricado en madeira co que poderán traballar áreas como as figuras xeométricas ou o inglés.

Entre as anécdotas dos escolares, tan ilusionados nesta época do ano, o Alcalde mostroulles a “Chave do Concello” explicándolles, ante o asombro de todos eles, que esa chave máxica é a que tanto Papa Noel como os Reis Magos utilizan para abrir todos os fogares de Baiona e así poder deixarlles os agasallos de Nadal, xa que non todas as vivendas dispoñen dunha ampla cheminea.

Para finalizar a visita, os escolares foron guiados polo Alcalde e a Concelleira polas dependencias do Concello. Os máis pequenos movéronse como peixe na auga polas dependencias municipais mentres que os máis maiores participaron nun novo concurso cooperativo sobre o patrimonio cultural de Baiona mostrando os seus coñecementos e interese pola historia da vila. Os escolares organizados en diferentes equipos como o equipo Pinzón, o Dolores Agrelo, o Alfonso IX e o Mercedes de la Escalera mostraron os seus coñecementos sobre o municipio.

A xornada resultou ser educativa e proveitosa impregnando a casa consistorial de ilusión e mostrando a historia de Baiona desde os ollos dos nenos.