Máis de 50 equipos inscritos no IV Torneo Solidario “Encesta un Alimento” do CB Nigrán

O Club Baloncesto Nigrán está xa inmerso na organización da IV edición do Torneo Solidario Encesta un Alimento, que se desenvolverá no CPI de Panxón os días 22 e 23 de decembro. Máis de 50 equipos xa confirmaron a súa asistencia ao evento. Trátase do torneo máis grande organizado por este club de baloncesto nigranés que encherá o Pavillón do Colexio de Panxón durante dous días.

Preto de 600 nenos e nenas gozarán practicando o seu deporte favorito ao longo de dúas xornadas que terán ademais un importante carácter solidario xa que cada un dos xogadores e xogadoras que participen achegarán un alimento non perecedoiro, do mesmo xeito que poderá facer o público asistente. Posteriormente, no acto de clausura do torneo, farase entrega da totalidade dos alimentos recollidos ao Banco de Alimentos co fin de ser destinados ás familias máis necesitadas.

Desde a categoría baby ata a categoría cadete, pasando polas categorías benxamín, alevín e infantil, tanto masculino, feminino como mixto, desfilarán polo pavillón ao longo do venres 22 e sábado 23 para disputar diferentes partidos e compartir unha xornada de deporte, convivencia e festa.

Ao evento acudirán Digna Rivas, deputada provincial de Cohesión Social e Xuventude, e Juan González, alcalde de Nigrán.

Os partidos serán arbitrados por colexiados da Federación Galega de Baloncesto que participan de maneira voluntaria e desinteresada, do mesmo xeito que fixeron en edicións pasadas. Ademais dos encontros deportivos realizaranse ao longo dos dous días o sorteo de diferentes agasallos entre todos os asistentes.

Desde o Club Baloncesto Nigrán queren agradecer á Federación Galega de Baloncesto, ao CPI de Panxón e a La Obra Social La Caixa pola súa colaboración na organización deste evento.