A Deputación pon a disposición dos concellos do Val Miñor preto de 5 millóns de euros

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Rolda de prensa de Carmela Silva e César Mosquera.

Os concellos da comarca do Val Miñor disporán o próximo ano a través do Plan Concellos bianual 2018-2019 da cantidade de 4.959.404,82 €, o que supón máis 2,1 millóns de euros sobre as cifras que percibiron da Deputación de Pontevedra no marco do Plan 2017. En concreto, co novo Plan, os concellos da comarca (Baiona, Gondomar e Nigrán) terán a súa disposición un 76,71% máis que este ano 2017.

Captura de pantalla completa 18122017 155425

A Deputación de Pontevedra porá a disposición dos concellos da provincia no vindeiro ano 72 millóns de euros, 42 millóns do Plan 2018 amais dos 30 millóns da Liña 1 do Plan 2019 que, sumando as cantidades que fóra do plan recibirán os concellos de Vigo e Pontevedra, suporá un investimento total de máis de 110 millóns de euros nun so ano. Esta inversión, cualificada de histórica tanto pola presidenta Carmela Silva como polo vicepresidente César Mosquera, supón un 75% máis de cartos que no 2017. “É unha revolución, a maior inxección de cartos aos concellos en toda a historia da Deputación de Pontevedra”, dixo Carmela Silva coincidindo con Mosquera quen destacou que “nunca houbo nin a metade dos recursos para os concellos dende a Deputación, nin sequera contando con fondos europeos ou doutras administracións. Cumprimos o noso compromiso de facer un esforzo extraordinario para dotar aos concellos dos máximos recursos”.

A principal novidade do Plan Concellos deste ano é que se trata dun plan bianual, financiado con fondos propios da Deputación de Pontevedra, que vai poñer a disposición dos concellos 72 millóns de euros, 42 millóns do 2018 e 30 millóns de euros da liña 1 do Plan do 2019. Como recordou a presidenta provincial, “este ano introducimos o carácter bianual por mor da vaga de lumes sufrida en outubro do 2017, co obxectivo de dar resposta ás necesidades dos concellos, reforzar a súa autonomía e responsabilidade, ademais de facilitar a mellora da planificación da actividade por parte das administracións municipais”. Deste xeito, serán subvencionables a recuperación de infraestruturas, equipamentos e outros bens de titularidade municipal con danos causados polos lumes.

O Plan Concellos 2018-2019 “é un plan para todos os concellos (agás Vigo e Pontevedra cos que asinamos convenios para financiar actuacións) e é un plan de equidade, que introduce desde a súa primeira edición novidades con respecto aos programas de cooperación anteriores”, destacou Carmela Silva. Así, a presidenta da Deputación recordou que no Plan Concellos se simplificaron e integraron programas distintos de subvencións financiados con fondos propios da Deputación, se eliminou a discrecionalidade, desapareceu a libre disposición e se realizou unha distribución da totalidade dos fondos entre os concellos aplicando bases e criterios obxectivos e transparentes. Amais, o Plan Concellos respecta a autonomía local, permitindo que sexan os concellos os que decidan as actividades que subvencionan coas achegas provinciais e as súas prioridades.

O plan bianual conta, ao igual que o ano pasado, con tres liñas. A primeira delas está destinada a investimentos e conta con 28.501.200 euros, é dicir, un 10,7% máis que no 2017, aos que hai que engadir os 30 millóns de euros da liña 1 do Plan Concellos 2019, “polo que estamos a falar de 58.501.200 euros a disposición dos concellos nesta liña”. A liña 2 está centrada na amortización, pagamento de débedas e gastos correntes así como para financiar actos culturais, sociais, deportivos e educativos, e está dotada con preto de 4 millóns de euros. Pola súa banda, a liña 3 está destinada ao fomento do emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais, e conta con 9.540.000 euros, un 2,5% máis que no 2017.

A distribución dos recursos entre os concellos responde a criterios obxectivos e transparentes, baseados na poboación, superficie, núcleos de poboación e densidade. Así, establécense tres grupos de concellos: o grupo 1 está integrado por concellos de ata 10.000 habitantes que reciben o 44% do Plan, é dicir 36.680.000 euros; o grupo 2, composto polos concellos de entre 10.001 e 20.000 habitantes que reciben o 34% do plan, 24.480.000 euros e o grupo 3, cos concellos entre 20.001 e 50.000 habitantes que reciben o 22% dos recursos, é dicir, 15.840.000 euros. “Un ano máis, –declarou Carmela Silva – máis cartos para os concellos máis pequenos xa que estamos a falar de que os concellos de menos de 20.000 habitantes recibirán o 78% dos recursos, máis de 56 millóns de euros, e os concellos máis grandes o 22% restante, preto de 19 millóns de euros”.

O Plan Concellos distribuirá no 2018 42 millóns de euros nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, é dicir, un 2% máis que no 2017. A presidenta da Deputación de Pontevedra amosou a súa satisfacción porque “todos os concellos incrementan as súas contías e todas as comarcas reciben máis recursos, amais de que aqueles concellos que queiran afrontar obras de maior envergadura poderán facelo empregando os 30 millóns da liña 1 do 2019. Así, ao longo do 2019 a Deputación de Pontevedra porá a disposición dos concellos 72 millóns de euros, aos que hai que sumar 1 millón de euros dos anticipos sen xuros e 8 millóns xa aprobados do Plan de Reequilibrio”.

Carmela Silva repasou tamén a evolución da distribución dos recursos desde o 2015. Deste xeito, a presidenta provincial subliñou que “seguimos a apostar pola equidade, por máis dereitos e por máis recursos xa que pasamos dos 24 millóns de euros en concorrencia competitiva do 2015, aos 40 millóns do 2016, 41,2 do 2018 e os 42 millóns do Plan Concellos do vindeiro ano aos que hai que sumar os 30 millóns de euros da liña 1 do 2019”.

Pola súa parte, o vicepresidente César Mosquera subliñou que nos dous próximos anos a Deputación aportará aos concellos da provincia “a maior inxección de fondos propios da historia”. O nacionalista indicou que a maiores do Plan Concellos presentado hoxe (72M€) destinaranse aos municipios da provincia ata 2019 outros 18 millóns de euros do Plan de Reequilibrio, outros 14 millóns para convenios con Vigo e Pontevedra, así como tamén as partidas de programas específicos destinados á mellora do monte ou á compostaxe. “Estamos nos 110 millóns de euros e cumprimos o noso compromiso de facer o máximo esforzo, un esforzo extraordinario, para dotar aos concellos dos máximos recursos”, insistiu.

O vicepresidente destacou tamén que co reparto de fondos que realiza o actual goberno da Deputación desapareceu a discrecionalidade anterior, que definiu como “o cancro das deputacións”. “Nós queriamos sanear a institución e xa non temos partidas para darlle o cheque a ninguén”, destacou, para lembrar que os concellos terán os cartos a disposición o 1 de xaneiro. Neste sentido, quixo puntualizar que desapareceu tamén “outro feo mecanismo” do goberno anterior que era repartir os cartos provinciais de xeito “que aparentemente se lles daba a todos, pero antes a uns que a outros en función de quen caera mellor”. “Agora os prazos e as normas son obxectivos e os cartos concederanse segundo as capacidades dos concellos para facer os proxectos. Non hai ‘triquiñuelas’ nin mecanismos fraudulentos”, dixo.

Mosquera, así mesmo, fixo un chamamento aos concellos e pedir que destinen os recursos a preparar o territorio para o cambio climático e dotar de servizos e infraestruturas relacionadas co abastecemento de auga, eficiencia enerxética ou medidas contra os lumes.

Anuncios