A Deputación aproba as bases de “En ruta coa Depo 2018” con 100.000 € máis de orzamento

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases reguladoras do programa “En ruta coa Depo” para o ano 2018. O programa da Deputación de Pontevedra, que pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional, terá o próximo ano como gran novidade un incremento do orzamento de 100.000 euros.

Carmela Silva informou de que “con este incremento estamos a falar dun programa cun orzamento de 360.000 euros e que volverá a ofertar 32 rutas por lugares emblemáticos da provincia divididas en rutas temáticas, rutas culturais, marítimas, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais.”

En relación a “En ruta coa Depo”, a presidenta da Deputación de Pontevedra quixo resaltar que “non soamente queremos que a xente coñeza lugares da provincia de Pontevedra e dotar as asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, senón que ademais queremos promover os valores máis importantes da nosa provincia para que a xente os coñeza, se sinta orgullosa deles, coide o noso medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno.”

Balance 2017

Carmela Silva tamén aproveitou para facer balance do 2017, edición na que “preto de 300 asociacións da provincia de Pontevedra participaron nestas excursións do programa para as que cubríronse todas as 20.000 prazas ofertadas.”

Máis polo miúdo, a participación por comarcas no programa “En Ruta coa Depo” foi a seguinte: 900 persoas de 14 asociacións da comarca do Deza, preto de 1.000 persoas de 16 asociacións de Tabeirós – Terra de Montes, preto de 1.300 persoas de 18 asociacións da comarca de Caldas, preto de 1.800 persoas de 27 asociacións do Morrazo, preto de 2.800 as persoas de 42 asociacións do Salnés, 2.100 persoas de 28 asociacións da comarca de Pontevedra, 7.300 persoas de 110 asociacións da comarca de Vigo, 1.100 persoas de 14 asociacións do Condado, 310 persoas de 6 asociacións da comarca de Paradanta e preto de 1.000 persoas de 15 asociacións do Baixo Miño.