Gondomar completa o Plan Concellos con 77.000 € para a mellora de dous camiños en Vincios

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha última achega para o concello de Gondomar por valor de 77.139,78 euros. Con este novo investimento poderá levar a cabo a mellora e urbanización do camiño público número 240 e do camiño de Outeiro, en Vincios. Con esta achega, Gondomar xa ten completado o 100% do Plan Concellos 2017, isto é, xa ten aprobados os 940.746,04 euros que lle corresponde este ano, un 7,40% máis que no 2016.

Anteriormente, ao abeiro do Plan Concellos 2017, puido mercar unha desbrozadora de brazo lateral e un vehículo para a concellería de vías e Obras e o departamento de Benestar Social, construír a pasarela peonil na contorna do mercado de abastos e un aparcadoiro no mercado de abastos e na súa contorna, levar a cabo actuacións de seguridade viaria, a mellora da accesibilidade na casa consistorial do Concello de Gondomar e a reparación de camiños así como actuacións nas vías de Igrexa e San Martiño en Borreiros.

Amais destas actuacións, encadradas na liña 1 de investimentos, a Deputación de Pontevedra tamén destinou 73.409,57 €, na liña 2, para actuacións como a aula de teatro, Gondoverán, carreiras, obradoiros, a II Gala do Deporte, o vídeo promocional turístico do concello, o 400 aniversario do Conde de Gondomar, o programa de cinema, festas e cursos formativos. Amais, a institución provincial tamén aprobou 211.000,67 euros para a contratación de 21 persoas para garantir a correcta prestación dos servizos municipais no concello.

A Deputación de Pontevedra leva xa aprobadas achegas na provincia por valor de máis de 40,6 millóns de euros, é dicir, máis do 98% do Plan Concellos deste ano 2017.