Novas análises confirman a redución dos valores de aluminio na auga de Baiona

FOTO: SANTY DOMÍNGUEZ // Estado do encoro de Baíña.

As últimas analíticas realizadas polos técnicos do Servizo de Control de Riscos Ambientais da Consellería de Sanidade confirman a redución dos valores de ferro e aluminio nos concellos da área metropolitana de Vigo, aínda que os parámetros seguen a ser altos nalgúns puntos da rede de abastecemento dos devanditos municipios. É dicir, a auga segue sen reunir as condicións que garanten a súa calidade malia que comezan a reducirse os parámetros.

Segundo revelan as mostraxes realizadas con data do día de onte na rede de abastecemento do Concello de Vigo, confírmase que tralo pico rexistrado no depósito de Canido, onde as análises da Xunta do día 12 e as da empresa encargada do servizo na cidade do día 13 rexistraron valores superiores as 800 partes por billón de ferro, mantéñense por debaixo das 600 ppb.

Cómpre lembrar que a partir dos parámetros de 200 partes por billón de ferro se deben adoptar medidas correctoras para recuperar a calidade aceptable para a autoridade sanitaria. A partir de 300 esas medidas deben ser de rápida aplicación.

Os outros dous puntos que estes días anotaron en Vigo valores próximos os máximos, Valadares e Sanjurjo Badía marcan descensos, aínda que se manteñen por riba dos considerados óptimos e próximos ás 300 ppb.

Segundo informa o Servizo de Control de Riscos Ambientais, no caso de Moaña (deposito de Ameixoada, 412 pbb), Cangas (rede de Nerja, 513 ppb), Redondela (rede de Quintela, 476), Soutomaior (depósito de Coello, 495 ppb) e no Consorcio do Louro (rede de Salceda de Caselas, 565 ppb) tamén se mediron valores altos nalgúns puntos das súas respectivas redes de abastecemento, se ben todos permanecen controlados por debaixo das 600 ppb.

En canto aos altos valores de aluminio medidos en varios puntos da rede de Baiona descenderon considerablemente fronte ás análises anteriores. De modo que nas zonas onde chegáronse a medir picos por riba das 700 partes por billón deste metal, os valores reducíronse ata os 186 no caso da rede de Baíña ou os 284 do depósito de cabeceira. O ferro permanece por debaixo das 200, dentro dos parámetros que se consideran óptimos.

Neste senso, desde Sanidade observan resultados moi oscilantes dos que haberá que estar especialmente pendentes. De modo que a Consellería manterá activos os seus controis cunha frecuencia máis elevada do habitual, malia que a competencia neste eido sexa dos concellos, que son os que deben garantir a calidade da auga e informar consecuentemente á autoridade sanitaria de calquera anomalía que detecte a concesionaria no subministro do servizo municipal.

As mostras recollidas polos técnicos de Sanidade analízanse no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, único laboratorio público de referencia en materia de saúde e acreditado pola ENAC para a matriz de auga de consumo humano e os analitos, mediante unha PNT baseada na Norma UNE-EN ISO 17294-1.

Anuncios