A Xunta de Galicia aplicará o IPC na autoestrada do Val Miñor (AG-57), o que se traducirá nunha subida de tarifas a partir de xaneiro de 2018, aínda que non afectará a todos os tramos.
No caso de vehículos lixeiros -turismos, motocicletas, microbuses, furgóns e furgonetas- a subida concéntrase nos tramos Vincios-A Ramallosa e Vincios-Baiona, que pasan de 0,65 e 1,30 a 0,70 e 1,35, respectivamente. No resto de traxectos non hai repercusión, aínda que si se fai o percorrido completo si se pagarán céntimos de máis.
Os camións de categoría 1 terán a subida en 5 dos 11 tramos, en especial Vigo-Vincios, Vigo-A Ramallosa e Vigo-Baiona, con 5 céntimos máis cada un. Para os de categoría 2 a subida aplícase en todos os tramos excepto nos de Vigo-Gondomar, Nigrán-A Ramallosa, Vincios-Gondomar e Vincios-A Ramallosa.
Os tramos máis importantes da AG-57, como o de Vigo-Baiona, levan estancados desde o 2014 en 1,65 euros. A Xunta conxelou as tarifas no 2014 e o 2015 e rebaixounas no 2016.

