Sin categoría

O faro vello de Cabo Silleiro abrirá as súas portas como cafetería a segunda quincena de xullo

Os traballos de reconversión dos faros de Cabo Silleiro, en Baiona, avanzan a bo ritmo, tal e como puideron comprobar de primeira man o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, tras visitar, xunto a responsables da obra, a zona.

O concurso público para dar uso hostaleiro ao faro de Silleiro comezou no 2021 e a licenza obtívose en xaneiro deste mesmo ano, despois de que o Estado dese luz verde en novembro de 2023 á explotación das instalacións dos dous faros situados na vila con destino a actividade hostaleira e de restauración.

No caso do faro vello, que pasou dun estado ruinoso a converterse nun atractivo espazo dedicado á restauración, os traballos están moi avanzados, polo que abrirá as súas portas, previsiblemente, na segunda quincena de xullo. Segundo avanzou Botana, trátase dun espazo “cheo de sorpresas que se irán descubrindo aos poucos” e que, asegurou, “xa vai tomando forma” para a súa apertura definitiva. Un lugar que cualificou de “espectacular” para gozar das incribles postas de sol, a escasos metros da popular praia dos cristais, e nunha zona usada polas confrarías para a recollida de percebes, o que a converten nun lugar “máxico”. Por iso, ademais da nova edificación, optouse por habilitar zonas lindeiras para a observación da ondada e das aves, así como a recuperación da imaxe do faro, que caeu en estado de abandono a partir de 1924, con motivo da posta en servizo do actual faro.

No caso do faro novo, haberá que esperar un pouco máis dada a envergadura da actuación, xa que o negocio centrarase en dúas actividades: a restauración e un hotel de entre 18-20 habitacións, a fin de conseguir un modelo de referencia que camiñe cara á desestacionalización. Para iso, destináronse ao redor de 1,3M€ na reforma do edificio, así como no equipamento e mobiliario para o desenvolvemento da actividade.

O novo inmoble dispoñerá dun total de 2.860 m2 de concesión distribuídos en tres plantas, ademais dunha parcela de 1.845 m2. Con todo, a nova edificación compaxinará o seu uso hostaleiro co de sinalización marítima.

O de Cabo Silleiro será o primeiro faro da provincia reconvertido en hotel e o 3º da Comunidade galega, sumándose deste xeito ao de Punta Insua (en Lariño, Carnota) e ao de Illa Pancha (en Ribadeo, Lugo). A nivel nacional, seguirá o exemplo do faro de San Sebastián, na Costa Brava, e do faro de Punta Cumplida, na illa da Palma.