A Xunta destinará 80.000 € á Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños de Nigrán

O Consello da Xunta, na súa reunión desta mañá, aprobou a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), con sede en Nigrán, para a asistencia, recuperación e estudo dos réptiles (tartarugas) e mamíferos mariños varados no litoral da Comunidade Autónoma durante o período 2018 e 2019, que contará cun orzamento de 80.000 euros.

Anualmente varan nas costas de Galicia unha media de 280 exemplares de especies de réptiles e mamíferos mariños, moitas deles incluídos na listaxe de especies en réxime de protección especial e no Catálogo español de especies ameazadas.

Un 10 % dos animais varados son recollidos con vida, o que fai necesario a súa asistencia e rehabilitación inmediata como medida imprescindible para contribuír á súa conservación. Así mesmo, o estudo dos cadáveres do resto de exemplares reporta información base imprescindible para a adopción das medidas axeitadas para poder actuar sobre as causas directas e indirectas de ameaza sobre estas especies.

Durante o primeiro semestre de 2017 vararon nas costas galegas 125 exemplares, dos cales o 95 % foron mamíferos mariños, todos eles pertencentes a diferentes especies de cetáceos, excepto catro lobos mariños cincentos e tres lontras, e unha soa tartaruga mariña.

Neste sentido, o convenio autorizado esta mañá fomenta a correcta xestión e atención dos episodios de varamento que ocorren cada ano fronte ás costas galegas. No marco deste convenio, a Consellería de Medio Ambiente encargarase do deseño e supervisión das propostas de accións encamiñadas a prestar asistencia e recuperación das tartarugas e mamíferos mariños, en especial as relativas á reintrodución no medio natural dos exemplares recuperados, obxectivo primordial e fin último destas tarefas de recuperación.

Pola súa parte, a Asociación CEMMA comprométese a comunicar a detección dos episodios de varamentos, ou con risco de varar, que ocorran nas costas de Galicia durante a vixencia do convenio, a prestar a asistencia necesaria aos animais varados
vivos destas especies a determinar, de ser factible, a causa de morte no caso dos exemplares varados mortos, mediante os correspondentes exames post mortem e/ou a recollida de mostras necesarias.

Cómpre lembrar que tanto as normativas europea e estatal como a autonómica (Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza) recollen a obriga das autoridades competentes de adoptar as medidas necesarias para garantir a conservación, protección e recuperación das especies de flora e fauna silvestre, tendo en conta especialmente as especies en réxime de protección especial.

Anuncios