24 persoas participarán no obradoiro “Xabóns naturais con receitas da avoa” en Baiona

A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta semana dous novos obradoiros do programa “Tecendo Lazos”, promovido polo servizo de Cohesión Social e Xuventude da institución provincial, nos concellos de Fornelos de Montes e Baiona. En total, 48 persoas destes dous concellos beneficiaranse desta iniciativa que ten por obxectivo fomentar o envellecemento activo das persoas maiores e impulsar as habilidades sociais e a empatía das máis novas a través dunha serie de obradoiros interxeracionais de lecer e tempo libre.

Máis polo miúdo, o martes 12 de decembro comezará en Baiona un curso de “Xabóns naturais con receitas da avoa” no que participarán 24 persoas. A actividade terá lugar os martes e xoves no edificio Multiusos Ángel Bedriñana e terminará o día 28 deste mes. Pola súa banda, o venres 15 de decembro comezará en Fornelos de Montes o obradoiro “Xogando en Familia” dirixido para 24 persoas que asistirán ao edificio Multiusos Praza da Igrexa ata o xoves 4 de xaneiro.

“Tecendo Lazos”, unha iniciativa do servizo de Cohesión Social e Xuventude á que a institución provincial destina 60.000 euros, ten o obxectivo de fomentar o envellecemento activo das persoas maiores e impulsar as habilidades sociais e a empatía das máis novas a través dunha serie de obradoiros interxeracionais de lecer e tempo libre. Estas actividades están destinadas a persoas de distintas xeracións dunha mesma familia, para a adquisición de lazos afectivos entre elas, dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra. Ademais, impulsaranse estratexias e oportunidades para crear espazos para o encontro, a sensibilización, a promoción do apoio social e o intercambio de recursos, ideas e valores que produzan lazos afectivos para poder construír sociedades máis xustas, integradas e solidarias.

En xeral, “Tecendo lazos” oferta cinco temáticas de obradoiros diferentes: “Risos en familia”, “O noso son”, “Xogos e xoguetes tradicionais. Xogando en familia”, “Faino ti mesmo” e “Rastrexos”. Como novidade, este ano, os obradoiros levan incorporado un módulo titulado “A historia do meu concello” no que se fará partícipe ás persoas participantes na recompilación de relatos e historias dos concellos da provincia nos que se desenvolvan as actividades.

Anuncios