Increméntase a alerta a nivel vermello nas Rías Baixas por ventos que poden acadar os 140 km/h

A Axencia Estatal de Meteoroloxía vén de incrementar a alerta vixente a nivel vermello nalgunhas zonas de Galicia. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta recorda a necesidade de extremar as precaucións.

Segundo informa a Aemet, a partir das 18:00 horas de hoxe elévase o nivel de alerta a vermello nas Rías Baixas, no Miño e no interior da provincia de Pontevedra, na montaña de Ourense e na montaña de Lugo, con refachos de vento que poden acadar os 140 km/h.

No Atlántico, nas proximidades do noroeste peninsular, terá lugar durante a tarde do domingo a formación dunha profunda borrasca, nomeada “Ana”, mediante un proceso de cicloxénese explosiva. A borrasca pasará ao norte do Cantábrico durante a tarde noite do domingo penetrándose en Francia a mañá do luns.

O paso dunha fronte moi activa, asociado á profunda borrasca “Ana”, dará lugar a ventos moi fortes, moi mal estado da mar e choivas fortes e/ou persistentes que afectarán a boa parte da Península e Baleares.

Produciranse precipitacións abundantes en gran parte do territorio peninsular, que poderán ser localmente fortes e/ou persistentes sobre todo no noroeste e en zonas montañosas, onde poderían alcanzarse os 80-100 mm en todo o episodio, especialmente en Galicia. As choivas tenderán a diminuír de oeste a este ao longo do luns.

Tamén será significativo o mal estado da mar afectando a todas as zonas costeiras e marítimas ao redor da Península e Baleares. Espéranse ventos do oeste e suroeste forza 7 a 8, ocasionalmente 9, nas costas de Galicia e Cantábrico, con ondas de mar combinada de 5 a 7 metros.

Ao final do luns 11, o máis probable é que finalice o episodio tras o paso da fronte e o afastamento da borrasca.

Recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.