Anuncios
Ticker de novas

Gondomar inaugura este sábado a iluminación de Nadal co espectáculo “Los duendes de la luz”

O Nadal comeza en Gondomar este sábado día 9 de decembro coa inauguración da iluminación. Desde as 17:00 horas haberá globoflexia, pintada de caras e música en directo na Praza do Concello. Ademais, Cristian de Samil presentará o seu novo espectáculo de animación “Los duendes de la luz”, ideado especialmente para estas festas.

A programación do Nadal continuará o sábado 16 coa inauguración do Belén artesanal en movemento, que por segundo ano consecutivo ocupará o vestíbulo do Auditorio Lois Tobío e poderá visitarse ata o 7 de xaneiro. O encargado da súa montaxe, Fernando Fernández Penedo, veciño de Borreiros.

O domingo 17 celebrarase a X Ruta Motera de Papanoeles, organizada pola Peña Motera Os Rillasepas, con saída ás 16:00 horas desde a Praza da Alameda, para percorrer a continuación toda a comarca repartindo caramelos.

O público infantil poderá gozar no Auditorio Lois Tobío, a partir das 19:00 horas, da “Ópera Carmen”, o 16 de decembro, da obra de teatro “A nena que quería navegar”, o 28 de decembro, e de “Perdido?”, un contacontos en lingua de signos baseado na historia de Oliver Jeffers, o 3 de xaneiro.

O 22 de decembro, na Praza do Concello e a partir das 17:00 horas, o Apalpador chegará a Gondomar. Os días 23 e 24 de decembro e o 5 de xaneiro, o Parque da Coelleira acollerá un ano máis o tradicional Nacemento Vivente.

Tampouco faltará a música, tamén no Auditorio Lois Tobío, co Concerto de Nadal do Conservatorio Elemental de Gondomar, o 20 de decembro ás 19:00 horas, e o Encontro de Voces Corais “Concerto de Nadal”, coa Coral Vocal de Donas, a Coral da Agrupación Musical de Vincios e a Coral do Centro Cultural “A Merced” de Chaín, o 26 de decembro ás 20:30 horas.

As Rondallas son tamén protagonistas na programación do Nadal de Gondomar. O 23 e o 30 de decembro ás 11:30 horas, a Rondalla do Centro Cultural “A Merced” de Chaín e a Rondalla da Asociación de Veciños “Galiñeiro” de Vincios ofrecerán un pasarrúas polo centro da Vila.

O broche de ouro poñerao a Cabalgata das súas Maxestades os Reis Magos, o 5 de xaneiro ás 18:00 horas, e o XXXVI Encontro de Rondallas de Reis, o 6 de xaneiro desde as 10:00 da mañá.

PROGRAMACIÓN NADAL GONDOMAR

Anuncios