Anuncios
Ticker de novas

Ferreira insta á Xunta a construír unha ETAP e unha EDAR na Pasaxe

FOTO: PEPE COSTAS // Feijóo e Ferreira nunha reunión cos empresarios da Pasaxe.

O polígono industrial da Pasaxe conta cun Plan Sectorial e un Proxecto de Urbanización actualmente aprobado, e en estudo do “Proxecto de Equidistribución de Beneficios, Cargas e Reparcelario”, para levar a cabo a Fase I, que o Concello de Gondomar terá que desenvolver polo principio de cooperación. Dito doutra maneira, os propietarios das empresas situadas na devandita Fase serían os que correrían cos gastos totais da urbanización, o que os deixará nunha situación moi delicada e mesmo nunha predisposición para pechar as súas empresas ou cambiar de localización a outros polígonos por non poder afrontan tales cargas económicas.

Para iso, o alcalde cre conveniente que a Xunta de Galicia habilite unha partida económica para o desenvolvemento urbanístico do polígono, así como a construción dunha estación de tratamento de auga potable (ETAP) e unha estación de tratamento de augas residuais (EDAR), o que diminuiría moito o investimento e as cargas aos empresarios. “O que pedimos non é nada anormal, é ben pouco respecto dos investimentos feitos noutros polígonos pola Xunta de Galicia”, sinala o alcalde, Paco Farreira, que pide reunirse de forma inmediata cos responsables autonómicos para buscar o devandito financiamento.

Por outra banda o rexedor municipal lamenta a falta de sensibilidade e a falta de respecto institucional por parte da Xunta de Galicia, que primeiro se reúne coa asociación de empresarios do polígono para dar a coñecer os investimentos na PO-331, ao paso polo polígono industrial (concretamente ao paso pola Fase I), e que o alcalde e a corporación municipal teñan que decatarse polos medios de comunicación.

“A Fase I desenvolveraa o Concello cun investimento de catro millóns de euros, nestes momentos en estudo e desenvolvemento, mentres a Xunta pretende interferir na zona con investimentos de mellora na estrada que discorre por dentro do propio polígono sen antes, ou polo menos no mesmo momento, sentar coa institución municipal”. Así mesmo, Ferreira lamenta que o día anterior á reunión estivo a intercambiar impresións coa propia directiva de empresarios e non comentaron nada sobre o encontro que mantería ao día seguinte coa Xunta, sobre algo que lle afecta a todos, pero en especial ao Concello, que é quen debe desenvolver e poñer un funcionamento a Fase I.

Ferreira lamenta que “un asunto tan importante e transcendental como o desenvolvemento urbanístico do Polígono Industrial da Pasaxe, non pode verse afectado por cuestións e intereses partidistas, loitas ou guerrillas de poder, algo que non comparto en absoluto e que así sempre demostrei. O importante é o interese xeral e a revitalización e desenvolvemento económico do polígono da Pasaxe, e non os intereses particulares e partidistas”, concluíu Ferreira.

Anuncios