A Subdelegación do Goberno en Pontevedra conmemora o 39º Aniversario da Constitución

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra acolleu o acto de conmemoración do 39º Aniversario da Constitución Española. Ao mesmo, que estivo presidido pola subdelegada do Goberno, Ana Ortiz, acudiron o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña; os deputados nacionais Pilar Rojo, Tonás Fole e Guillermo Meijón; a senadora Marta Lucio, deputados autonómicos, autoridades xudiciais ou militares, entre outros.

No acto impuxéronse 4 Encomendas da Orde do Mérito Civil (Francisco Javier Moldes Fontán, Eduardo Domínguez Pérez, Manuel Ramón Marcote Ferrio e Alfonso Mariño Rivas), 6 Cruces da Orde do Mérito Civil (Juan Carlos Cordovés Vázquez, Antonio Iglesias Salas, Manuel Garrido Crespo, Mª del Mar Ortega Fernández, Víctor Manuel Márquez Cortizo e Jesús Castellano Castellano), e 9 Medallas ao Mérito de Protección Civil (José Luis Fernández Aldegunde, Leovigildo Villares Yáñez, Carlos Alberto López Conde, Luis Hermo Cintas, Bruno Dacosta Díaz, Francisco Javier Cancelas Costas, Felipe Cayo García, Rubén Casal Millos e Alejandro Juega Roel).

Ana Ortiz agradeceu a asistencia de todos: “A súa presenza non é só un xesto de cortesía. É moito máis: reflicte o compromiso de todos coa nosa Constitución”. Lembrou que “hai 39 anos os españois decidiron transitar polo camiño da democracia e a convivencia pacífica. Asentáronse as bases do desenvolvemento e o progreso do noso país sobre a tolerancia, a concordia e o diálogo. As cesións e renuncias a intereses particulares deron paso a un proxecto común e integrador. Sen dúbida, foi todo un símbolo de modernidade o exemplo que deu a sociedade fai case catro décadas. Aquel documento nado da harmonía e o acordo non foi unicamente un magnífico exemplo de lexislación eficaz, senón e máis explicitamente, un marco exemplar de convivencia expresamente construído para admitir a todos e cada un dos habitantes dun país”.

Engadiu que “agora, todos nós, debemos participar na reflexión acerca de cales serán as necesidades do noso país para os seguintes 40 anos; acerca de como queremos perfilar o noso futuro en común. É fundamental conservar a ambición por seguir avanzando xuntos como sociedade, tendo presente que calquera axuste no marco da nosa convivencia ha de contar con todos. Se agora quérese facer unha reforma constitucional, debe haber un consenso similar ao que houbo no ano 1978”.

A subdelegada do Goberno afirmou que “os representantes públicos xogamos un papel importante. A confianza que os cidadáns depositan en nós acrecentarase na medida en que sexamos capaces de demostrar non só capacidade de dar resposta aos problemas e retos do bo goberno, con vocación de servizo público e con respecto; senón de actuar conforme á alta esixencia que leva a representación”.

Por último felicitou a todos os condecorados e agradeceu o traballo das Forzas e Corpos de Seguridade na provincia.