Anuncios
Ticker de novas

Baiona organiza unha xornada de limpeza do Río Fraga en Baredo

Que as contornas naturais son cada vez máis demandadas, e que todos desexamos gozar dunha contorna ambiental máis saudable é cada vez máis evidente. Conscientes disto desde a Concellería de Medio Ambiente de Baiona lánzase unha iniciativa que desexa buscar a sensibilización, concienciación, educación e que permita que a cidadanía coñeza a problemática de tirar os residuos ao río e o dano que isto causa.

Desta forma, o Concello de Baiona levará a cabo unha xornada de limpeza do Río Fraga, que consistirá na retirada dos residuos e lixo que exista na canle do río, concienciando así na necesidade de coidar a nosa contorna, cun comportamento cívico que o protexa.

A cita será o vindeiro sábado 9 de decembro ás 10:30 horas, partindo desde o Río Fraga na zona de Rocamar, sendo as 12:30 a hora estimada de regreso. A iniciativa está aberta á participación de calquera veciño que queira colaborar, para iso poderán pedir información ou inscribirse no teléfono 986 38 59 23, ou ben poderán ir directamente o día 9 ao momento de encontro.

Por parte do Concello de Baiona facilitaranse as bolsas, luvas e material para recoller o lixo, recomendando levar botas de auga e roupa cómoda.

Anuncios