O portavoz da formación Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, preguntou no pasado pleno do 30 de novembro ao alcalde, Juan González, a razón da súa oposición a que o encoro de Zamáns poida abastecer de forma exclusiva ao Val Miñor, tal e como expuxo recentemente o actual presidente da Mancomunidade e alcalde de Baiona, Ángel Rodal, apostando unicamente polo abastecemento a Nigrán mediante a presa de Eiras, a través dunha conexión con Vigo en Saiáns, “como ao parecer propón a actual concesionaria do servizo Aqualia -feito que pode ser complementario e non excluínte-, ao tratarse dunha solución puntual e de emerxencia, mesmo economicamente máis custosa para os veciños; renunciando así a unha vella demanda en particular de Nigrán e en xeral do Val Miñor”.
UCN lembra que a finais dos anos setenta -coa recentemente chegada democracia ao noso país-, e grazas á xestión realizada polo entón alcalde Modesto Valverde, o goberno da nación financiou a rede de abastecemento a Nigrán, desde o encoro de Zamáns ata Condomínguez, incluíndo tamén a construción dos depósitos reguladores na parroquia de Priegue, o que supuxo un fito histórico e importantísimo para o futuro desenvolvemento urbanístico, económico e turístico do municipio, feito non suficientemente valorado nin recoñecido.
Ao longo dos case 40 anos Nigrán segue igual, non dispón dun servizo estable e tendo que pagar a auga en alta sen depurar e a un prezo elevado ao Concello de Vigo, antes á antiga empresa municipal Emavisa, e agora á actual concesionaria Aqualia, que tamén xestiona o servizo en Nigrán, “auga que temos que tratar na estación de tratamento de auga potable (ETAP), cun elevado incremento que supón no recibo que pagan os veciños”, afirma Fernández Comesaña.
UCN sostén que é necesario que a Xunta leve a cabo de forma inmediata unha nova reorganización do mapa hidrolóxico, para que o encoro de Zamáns, -aínda estando situado no municipio de Vigo-, poida ser declarado prioritario para o Val Miñor, circunstancia que xa se contemplaba no Plan da auga elaborado no ano 2007, que sinalaba a posibilidade do uso preferente do encoro parar o Val Miñor, “pero desgraciadamente nada se fixo e aínda seguimos igual, a pesar dunha maior necesidade polo Parque Empresarial de Porto do Molle, que se verá incrementada cando estean a pleno rendemento as empresas instaladas”.
Fernández Comesaña apoia a petición do presidente da Mancomunidade, Ángel Rodal, “e poñémonos á súa disposición na reivindicación xusta e importante para o futuro dos veciños do Val Miñor, sendo necesario e conveniente o apoio tamén dos alcaldes de Nigrán e Gondomar”, conclúe o portavoz centrista.

