Un ano máis se pon en marcha a campaña “Cada neno un xoguete”, impulsada pola Asociación STOP e Iniciativa Local, co obxectivo de brindar axuda gratuíta a nenos con escasos recursos ou en situación de abandono.
A campaña, que cumpre a súa oitava edición, canaliza a xenerosidade da sociedade viguesa e a súa comarca a través da recollida de xoguetes, para despois facerllos chegar aos nenos que, pola súa situación social ou familiar, non poden gozar deles. Desde que se iniciou en 2010, repartíronse máis de 22.000 xoguetes.
A campaña arrancou o pasado 25 de novembro co obxectivo de que ningún neno quede este Nadal sen o seu xoguete, contando cunha quincena de puntos de recollida, e un ano máis, a tenda de agasallos Kukadas en Gondomar participa para cubrir a zona do Val Miñor e arredores.
Para colaborar basta con levalos a este punto de recollida antes do 23 de decembro e desde aí levarán ao almacén central, onde se preparan, hixienizan e embalan, na rúa Veiguiñas 32, en Alcabre (Fronte ao Mundo Pirata Park), para posteriormente repartilos entre quen os necesite.
Os xoguetes deben estar en bo estado, que funcionen, que non estean rotos. Trátase de facer oco nas nosas casas con aquilo que xa non usamos e que pode xerar máis ilusión noutro lado da que nos podemos imaxinar.
O ano pasado os veciños do Val Miñor envorcáronse coa campaña. A pesar de que é todo un reto igualar a cantidade de agasallos que se repartiron, en Kukadas confían en superar o número de agasallos que se recolleron na zona: “a campaña cada ano é máis coñecida, e todo o que a coñece acaba traendo algo. É emocionante o que ocorre con esta iniciativa”, dinos a súa propietaria.
Punto de recollida no Val Miñor
• Kukadas – R/ Emigrante 6 baixo (Gondomar)
Almacén central
• R/ Veiguiña 32 – Alcabre (Fronte ao Mundo Pirata Park) Vigo
Os outros puntos de recollida
• Bar La Florida – Avda. Florida 115 (Vigo)
• Mercadillo La Casa de la Abuela – R/ Zapateira 8 (Canido).
• Fantastic Park – Travesía de Vigo 79 (Vigo)
• Eltor Motos – R/ Gerardo Campos 1 (Vigo)
• Lamarita Café CUVI – Universidade de Vigo (Vigo)
• Centros Beysa – R/ Otero Pedrayo 4 (Vigo)
• A Taberna do Ponty – R/ Dr. Carracido 44 (Vigo)
• Chikipandy – Camiño dos balandros 2 bajo – Chapela (Redondela)
• O Recuncho das Xoubiñas – Avda. Porta do Sol 48 (Moaña)
• InterPizza – Avd. Balaidos 26 (Vigo)
• Limpiezas Galaecia – R/ Eugenio Kraft 6 bajo (Vigo)
• Sociedad Cultural Deportiva y Recreativa Helios de Bembrive (Vigo)
• Bolbolúa Animación – R/ Brasil 58 bajo (Vigo)
• Café Van Gogh – R/ Rosalía de Castro 28 (Vigo)

