O Rei Alfonso IX e o “mariñeiro” xa ocupan os seus novos emprazamentos

Os monumentos do Rei Alfonso IX e “Homenaxe ao Mariñeiro” foron trasladados na madrugada deste domingo aos seus novos emprazamentos na contorna do novo acceso ao porto pesqueiro de Baiona.

A figura do Rei Alfonso IX, ata agora no Paseo Ribeira, ocupa xa o centro da nova glorieta de 28 metros de diámetro, entre Elduayen e Alférez Barreiro, que dará acceso ao porto pesqueiro e permitirá o cambio de dirección á altura da rúa Elduayen e comezo do paseo de Alfonso IX. A súa recolocación obedece a unha mellor contextualización do monumento xa que estará exposto no comezo do paseo que leva o seu nome e polas dimensións da nova rotonda, o monumento gañará en visibilidade e por tanto terá un maior protagonismo.

Con este cambio preténdese que o monumento luza nun sitio privilexiado e acorde á magnitude da obra que foi inaugurada no ano 2001 con motivo do 8º Centenario da Fundación de Baiona, rememorando o outorgamento da Carta Poboa e Fundacional que o Rei Alfonso IX concedeulle á Real Vila de Baiona en 1201.

Esta escultura pesa aproximadamente uns 2.000 quilos e é unha das poucas obras ecuestres nas que o xinete está apeado do seu cabalo. É obra do escultor tudense Juan Oliveira Viéitez, autor tamén dos Cabalos da Praza de España de Vigo e doutras pezas que están expostas no Rockefeller Art Center de Nova York, Toronto, Ostende, Londres, Madrid, Menorca, Tui e outras localidades galegas. Pola súa contribución á cultura Galega, a Xunta de Galicia outorgoulle a Medalla de Castelao no ano 2001.

Este cambio permitirá á súa vez unha desconcentración dos monumentos situados na contorna do parque da Palma e unha reordenación do novo espazo que quedará no Paseo Ribeira.

O monumento “Homenaxe ao Mariñeiro”, que estivo desde a súa instalación no ano 2004 no Paseo Marítimo, xunto o acceso ao Porto Pesqueiro, foi trasladado ao novo miradoiro de 500 metros cadrados orientado cara á Ribeira que permitirá contemplar a Fortaleza de Monterreal e a baía sen apenas obstáculos. Esta nova zona de lecer e descanso substituirá á fileira de colectores que actuaba como barreira visual. A figura pétrea esculpida e doada por Manuel Quintas Vergara, o recentemente falecido “Ferreiro de Sabarís”, está situada nunha das zonas axardinadas mirando cara o mar.

As obras da nova redistribución de acceso ao porto pesqueiro de Baiona, que están a piques de rematar, consistiron ademais da construción da glorieta no ensanche da plataforma e un novo tramo de carril bici que conectará o Paseo de Alfonso IX co Paseo Marítimo que discorre paralelo á Rúa Alférez Barreiro.

Os traballos tamén inclúen a renovación do mobiliario urbano con novos bancos e papeleiras e novas zonas verdes para separar os diferentes espazos. Os illotes serán decorados con diferente tipo de vexetación.

As obras dan continuidade ás actuacións levadas a cabo en Alférez Barreiro onde se crearon 55 novas prazas de aparcadoiro. Hai que lembrar que a Xunta levou a cabo o reforzo do firme en toda a travesía costeira baionesa pavimentando tres quilómetros desde a rúa Areas en dirección a Baredo. Tamén se está finalizando a construción dun novo tramo de carril bici no Paseo de Alfonso IX de 250 metros.