Unha árbore de máis de 12 metros de altura ilumina o Nadal de Baiona

Baiona deu este venres a benvida de forma oficial ao Nadal. A Alameda da Rúa Carabela Pinta acolleu o acto de aceso de luces. Ademais das tradicionais luces e cadenetas que iluminarán árbores e espazos públicos, instalouse na Alameda desta rúa unha árbore de Nadal de máis de 12 metros, eixo central da ornamentación baionesa.

O tradicional aceso, no que participou o alcalde, Ángel Rodal, o presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona, Marcos Comesaña, e membros do goberno municipal, tivo ao abeto como protagonista. É o segundo ano que a vila conta cunha árbore destas características, aumentando en máis de 3 metros as dimensións do anterior.

O presidente de ACEBA agradeceu os máis de 20 anos de esforzo en solitario dos empresarios da vila para que Baiona tivese cada Nadal a súa iluminación. Agora, grazas ao bo facer de todos, contan coa colaboración do Concello, conseguindo así mellorar e ampliar a iluminación.

Tras o aceso oficial, os asistentes puideron gozar da música e o baile coas escolas de danza “Dando la Nota” de Baredo, “Giro’s” de Baíña e “Galicia en Danza” de Baiona. Unha caixa de correos con forma de boneco de neve tamén foi o protagonista, nenos e maiores non dubidaron en retratarse con el.

A iluminación

Estes días estívose traballando na decoración das distintas rotondas do municipio. Todas as glorietas de Baiona sitúanse en puntos estratéxicos de entrada á localidade polo que tanto baioneses como visitantes serán recibidos nestas singulares datas con luz e cor.

O tendido do Nadal xa loce tamén en todas as parroquias da localidade. Un total de 60 arcadas poñen cor a Baíña, Baredo, Belesar e Santa Cristina da Ramallosa.

Os encargados de colocar a iluminación nas zonas comerciais, das que se encargan de forma conxunta o Concello e ACEBA, e das rotondas, a cargo do Concello, foron os operarios da empresa LS Iluminación de Gondomar, mentres que as luces situadas nas parroquias e zonas non comerciais foron instaladas por operarios municipais, a cargo tamén do Concello.

ACEBA, 22 anos poñendo a iluminación de Nadal

A Asociación de Empresarios e Comerciantes de Baiona (ACEBA) leva 22 anos poñendo a iluminación de Nadal, cousa que desde o Concello en representación dos veciños agradecen, pois é grazas a colaboracións deste tipo a forma de construír unha Baiona forte, unida e con visión de futuro.

A Asociación ten a súa orixe no ano 1995 con ese fin, debido a que nesa época, a Real Vila non tiña iluminación de Nadal e un grupo de empresarios e comerciantes reuníronse e decidiron saír á rúa para pedir ao resto de negocios unha achega económica voluntaria para que Baiona tivese por primeira vez a súa iluminación.

Foi a partir dese momento cando estes empresarios (Teresa Tornero, Carlos Rodríguez, Carlos Fernández, Isabel Alborés, Álvaro Álvarez, Mariano Álvarez, Agapito Sánchez e Pili Varela) decidiron crear a Asociación de Empresarios de Baiona (ACEBA).