Novo empate do Vincios contra Cer L’Escala en Superdivisión

Tras a derrota por 4-2 en Cataluña a xornada pasada contra o actual Campión da Copa, o Borges de Lleida, onte disputouse o partido aprazado entre o Vincios e L’Escala de Xirona, no local de Gondomar.

O partido presentouse de fronte para o equipo local cunha nova vitoria de Ievgen Pryschepa contra o xogador de nacionalidade portuguesa Diogo Pinho, por un parcial de 3-1 sets. No segundo partido o xogador Martín Pintos caeu 3-0 ante o duro xogador sueco de L´Escala Simón Berglund. No terceiro partido Diogo Silva impúxose con comodidade ao xogador madrileño Carlos Vedriel por 3-0, co que se poñía o equipo miñorano por diante no marcador 2-1.

A partido clave para o resultado final enfrontou aos primeiros xogadores de cada equipo, o ucraíno Pryschepa e o sueco Berglund. Tras uns disputadísimos sets con parciais 11-9, 10-12 e 12-10 a favor do xogador local, este dispuxo no seguinte set de vantaxes 7-3 e 10-8, con dúas bólas de partido, que non puido concluír, perdendo o set por 13-15 co que igualaba o partido. O quinto e último seguiu o guión do igualado partido, que se acabou levando Berglud por 11-9, volvendo poñer o resultado global en 2-2.

Neste momento enfrontáronse os dous xogadores portugueses, e tras un partido moi rifado, a balanza caeu ao lado gondomareño ao vencer Diogo Silva por 3-1 a Pinho. O partido para a vitoria ou o empate disputáronos o canteirán Martín Pintos e o internacional español Carlos Vedriel, que con parciais 11-13, 8-11 e 3-11 acabouse levando o partido.

O resultado final 3-3, deixou insatisfeito ao equipo gondomareño, pero evidencia o equilibrada, disputada e emocionante que está a máxima categoría do tenis de mesa español.