O PSOE esixe a inmediata paralización do proxecto do campo de golf e a súa eliminación do PXOM

FOTO: SOS GROBA // Visita guiada á zona afectada polo proxecto “As Costeiras”.

O Grupo Municipal Socialista de Baiona esixe a inmediata paralización do Plan Especial de Dotacións de Infraestruturas As Costeiras (PE-4) e a súa eliminación do PXOM mediante modificación parcial do artigo 269. Para Rafael Lores, que presentará unha moción sobre o asunto no próximo pleno, esta infraestrutura é impropia para este espazo e inoportuna dadas as condicións de déficit de auga que sofre o concello.

“O alcalde non pode anunciar que antes de fin de ano temos que conectarnos á rede de auga de Vigo, solicitar que o encoro de Zamáns sexa de uso exclusivo para o Val Miñor… é dicir, recoñecer que temos un serio problema co abastecemento de auga para Baiona que non podemos resolvelo co noso encoro e seguir mantendo un proxecto de campo de golf en Baredo”, afirma o portavoz socialista.

Segundo Lores, este campo necesitaría moita máis auga da que se recolle e a que achegarían os distintos pozos que está previsto construír no perímetro do devandito campo, sen contar que esta infraestrutura secaría e contaminaría os mananciais que abastecen de auga potable á parroquia de Baredo.

Lores tamén recorda os informes sectoriais enviados ao concello polos distintos organismos da Xunta de Galicia, nos que se especifica a non viabilidade ambiental e sanitaria da construción do campo de golf. “As consideracións da Xunta de Galicia refírense a que o estudo non garante a calidade da auga para o consumo humano e á imposibilidade de garantir a auga necesaria para o mantemento da infraestrutura”.

Aínda que nos documentos, fundamentalmente os das Consellerías de Sanidade e Medio Ambente, non se valora o efecto desta infraestrutura na cantidade e calidade da auga á poboación da parroquia de Baredo, pero si se afirma que non se pode garantir o abastecemento de auga para o mantemento do campo de golf e tampouco a potabilidade para o consumo dos usuarios do campo, é evidente que tampouco se poderá garantir para os veciños e veciñas de Baredo. “Sorprende que dita Consellería estea más preocupada polos posibles usuarios do campo de golf que pola calidade da auga dos veciños e veciñas de Baredo”, subliña Lores.

“Dada a situación de seca que estamos a sufrir e que non parece que sexa algo puntual, como recoñece o propio alcalde, que anuncia que se van a recuperar acuíferos e outras medidas para garantir o abastecemento de auga para Baiona, é irracional seguir mantendo a construción dunha infraestrutura que teña un consumo tan elevado de auga”, conclúe o portavoz socialista.