Esteban Pérez e Ezequiel Salgueiro sóbense ao máis alto do podio en León

O equipo “EPI Racing”, formado por Esteban Pérez Iglesias, natural de Vilaza, e Ezequiel Salgueiro Simoes, de Vilariño aínda que actualmente vive en Peitieiros, continúa cultivando éxitos tras proclamarse Campión Galego de RallyMix 2017 co seu BMW E30.

O pasado fin de semana disputaron en Trobajo del Camino a penúltima proba do Campionato de Castela e León de Rallysprint, cun total de 66 participantes, e na que foron líderes da súa clase desde o primeiro tramo, conseguindo a vitoria na clase 3, que é a equivalente á Agrupación 4 de Galicia, así como sextos carrozados e décimo terceiros da xeral.

“A diferenza do Campionato Galego alí tan só realízase unha pasada de recoñecemento (onde o equipo toma as notas) fronte ás 3 que permite o noso rexional. Iso supón partir con certa desvantaxe fronte aos nosos rivais, que xa noutras edicións participaran neste percorrido que, aínda que é certo que tiña certas modificacións, moitas zonas eran repetidas de pasadas edicións”, destaca Ezequiel Salgueiro.

“Entre a primeira e a terceira pasada (aquí son tres pasadas contra o crono fronte ás cinco que damos en Galicia) conseguimos baixar 30 segundos. A proba afrontabámola con afán de gozar sen presión, ao mesmo tempo que nos valía de test de fronte ao paso ao nacional que estamos a tentar dar, e coñecer o noso ritmo, pois no nacional tamén se corren os tramos despois dunha única pasada de adestramentos”, subliña o copiloto.

“As sensacións que traemos son positivas, fomos capaces de rodar rápidos a pesar de non estar afeitos correr cunha soa pasada, a compenetración entre piloto e copiloto é boa. Agora só queda seguir traballando cos patrocinadores para o ano que vén estar no nacional”, conclúe.