A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, do servizo de xestión, desenvolvemento e execución do programa «Depo en Marcha 2018». Así, o goberno de Carmela Silva acordou un gasto máximo de 120.000 euros para este proxecto que terá un gasto estimado de 1.200 euros por actividade. O contrato será cofinanciado pola Deputación de Pontevedra e os usuarios e usuarias participantes no programa, que abonarán unha cantidade fixe de 6 euros.
O procedemento aberto iniciarase coa publicación do anuncio no BOPPO e concederase un prazo de 15 días naturais dende o día seguinte da súa publicación. «Depo en Marcha» é un programa que ten como obxectivo contribuír o establecemento de relacións sociais entre as persoas maiores ó tempo que toman parte en actividades que eleven o seu estado anímico. Obradoiros de actividades que actúen como espazos de encontro e intercambios de experiencias que lles sirvan para fomentar a súa independencia evitando o illamento e as situacións de soidade dos nosos maiores.
O programa, que terá vixencia ata o 31 de decembro de 2018, ofertaralle ás entidades de maiores, pensionistas e xubilados da provincia de Pontevedra un catálogo con obradoiros englobados en oito diferentes áreas, as mesmas que en 2017. Concretamente os obradoiros ofertados en «Depo en Marcha 2018» serán: «Traballando coas mans»: arte con flores, cestería, elaboración de xabóns, iniciación ao encaixe de palillos, restauración de mobles e tapicería e manualidades; «Entre fogóns»: cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e repostería e tapiñas e petiscos; «Aprendendo da natureza»: plantas medicinais; «Móvete»: pilates, ioga, ximnasia de mantemento e zumba; «Activando corpo e mente»: conservando a memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e o estrés; «Enredando»: xogos tradicionais e teatro; «Dálle marcha»: bailes de salón, pandeireta e canto popular; «En rede»: internet, correo electrónico e manexo do móbil, informática de iniciación e Informática avanzada.

