As boas noticias nunca chegan soas e así á confirmación de que o Rallye Recalvi Rías Baixas volve neste 2024 á elite dos rallyes nacionais -o coñecido como Súpercampionato de España de Rallyes (SCER)- agora hai que sumar a presenza nesta cita de todas as copas monomarca convocadas para este ano nos rallyes nacionais de asfalto. Sen dúbida unha lombeirada para a proba viguesa que sumará un bo número de inscritos á súa lista de participantes.
Así, tras a recente confirmación de que Hyundai estará presente no Rías coa nova copa i20N Rally, finalmente serán cinco os trofeos monomarca que decidiron engadir a proba olívica como unha das puntuables para os seus respectivos campionatos.
Nesta lista mantéñense ou aparecen algunhas das clásicas como é a Clío Trophy Spain de Renault -presente tamén na edición de 2023- ou as dúas copas que promove o grupo Stellantis: a Peugeot RallyCup Ibérica, un certame con catro rallyes puntuables, dous en España e dous en Portugual; e o Desafío Peugeot, unha das copas máis veteranas do panorama nacional de rallyes, con 23 edicións disputadas e que este ano volve celebrarse tras 16 tempadas de ausencia.
A todas elas sumarase para completar esta gran festa do automobilismo a Toyota Gazoo Racing Iberian Cup. A monomarca xaponesa tamén se disputa dacabalo entre España e Portugal e na súa terceira edición recalará en Vigo, marcando o ecuador da súa tempada.
Sen dúbida son estas moi boas noticias para o Rallye Recalvi Rías Baixas e, por suposto, para a cidade, a súa comarca, e os afeccionados aos rallyes. É a confirmación ao traballo realizado pola organización durante todo este tempo e o recoñecemento a longo prazo historia da proba viguesa. Os traballos de preparación da 57º edición continúan adiante sen descanso, antes dunha cita que marcará unha nova etapa na historia do rallye. Celebrarase os días 4, 5 e 6 de xullo de 2024 e será a quinta das nove probas puntuables para o S-CER.

