Aprobado o expediente de contratación para “Depo en Marcha 2018”

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, do servizo de xestión, desenvolvemento e execución do programa “Depo en Marcha 2018”. Así, o goberno de Carmela Silva acordou un gasto máximo de 120.000 euros para este proxecto que terá un gasto estimado de 1.200 euros por actividade. O contrato será cofinanciado pola Deputación de Pontevedra e os usuarios e usuarias participantes no programa, que abonarán unha cantidade fixe de 6 euros.

O procedemento aberto iniciarase coa publicación do anuncio no BOPPO e concederase un prazo de 15 días naturais dende o día seguinte da súa publicación. “Depo en Marcha” é un programa que ten como obxectivo contribuír o establecemento de relacións sociais entre as persoas maiores ó tempo que toman parte en actividades que eleven o seu estado anímico. Obradoiros de actividades que actúen como espazos de encontro e intercambios de experiencias que lles sirvan para fomentar a súa independencia evitando o illamento e as situacións de soidade dos nosos maiores.

O programa, que terá vixencia ata o 31 de decembro de 2018, ofertaralle ás entidades de maiores, pensionistas e xubilados da provincia de Pontevedra un catálogo con obradoiros englobados en oito diferentes áreas, as mesmas que en 2017. Concretamente os obradoiros ofertados en “Depo en Marcha 2018” serán: “Traballando coas mans”: arte con flores, cestería, elaboración de xabóns, iniciación ao encaixe de palillos, restauración de mobles e tapicería e manualidades; “Entre fogóns”: cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e repostería e tapiñas e petiscos; “Aprendendo da natureza”: plantas medicinais; “Móvete”: pilates, ioga, ximnasia de mantemento e zumba; “Activando corpo e mente”: conservando a memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e o estrés; “Enredando”: xogos tradicionais e teatro; “Dálle marcha”: bailes de salón, pandeireta e canto popular; “En rede”: internet, correo electrónico e manexo do móbil, informática de iniciación e Informática avanzada.