
Esta mañá, o Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, a Concelleira de Igualdade, Mª Carmen Paredes, a directora do Centro de Información da Muller, Elena Otero, e Yolanda Lesmes, Secretaria Territorial da Xunta en Vigo, inauguraron a exposición pública, situada na planta baixa da Casa Consistorial, dos traballos realizados polo alumnado de sexto curso de primaria dos centros de Baiona, que deron lugar a un calendario 2018 pola igualdade de xénero.
Os auténticos protagonistas da inauguración foron os nenos e nenas dos colexios baioneses que se desprazaron ata o Concello para coñecer en primeira persoa os debuxos dos seus compañeiros e compañeiras.
Neste calendario, impulsado pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, doce alumnos e alumnas baioneses achegan a súa mirada artística ante a desigualdade de xénero. A súa portada leva por título: “Todos e todas importamos ou mesmo”. No seu interior e ao longo dos 12 meses que forman o ano doce alumnos e alumnas dos diferentes centros educativos do municipio propoñen unha imaxe para cada mes achegando a súa visión acerca da igualdade de xénero e achegando o seu granito de area na loita contra a violencia.
“O resultado mantén un ton amable e sobre todo didáctico, en todos os meses evidénciase dunha forma moi gráfica que os nenos e nenas pretenden a igualdade”, destacou o Alcalde.
Baixo o asesoramento do CIM e da Concellería de Igualade este calendario busca provocar a reflexión individual sobre algunhas condicións de desigualdade. O calendario foi presentado esta mañá no acto programado pola Concellería de Igualdade con motivo do Día Internacional da Violencia de Xénero que se celebrou na Praza do Concello de Baiona.
Cada un dos alumnos e alumnas dos catro centros educativos do municipio (Belesar, Covaterreña, Sabarís e Fontes) levará un dos almanaques á súa casa para lembrar día a día que se debe loitar pola igualdade de xénero. Os centros educativos tamén quedarán con varios exemplares. Tamén se repartiron calendarios entre quen acudiu ao acto.