Contacontos pola igualdade nos centros educativos de Baiona

Enmarcado nas actividades programadas pola Concellería de Igualdade con motivo do Día Internacional da Violencia de Xénero, e en colaboración coa Concellería de Educación, vénse celebrando estes días nos catro colexios do municipio (Belesar, Covaterreña, Sabarís e Fontes), un singular contacontos a cargo do artista Caxoto, un espectáculo de narración oral dirixido ao alumnado no que se abordan tradicións orais de carácter sexistas. O obxectivo é ir desmontando mitos e estereotipos á vez que se divirten, xogan e imaxinan.

Preto de 400 escolares, todo o alumnado de entre primeiro e cuarto curso de primaria dos colexios do municipio, participaron nesta actividade na que o artista fai un achegamento a través dos contos á situación da muller na nosa sociedade. Desde o conto tradicional faise un repaso polos estereotipos de xénero para desmontalos e lembrarnos que a igualdade entre homes e mulleres non está conseguida.

O obxectivo desta iniciativa subvencionada pola Deputación de Pontevedra é sensibilizar sobre a importancia da igualdade a nivel social e persoal, ensinarlles a ser críticos coas desigualdades e a ser conscientes de que deles depende que esta sociedade sexa máis xusta e igualitaria.

Anuncios