Os baioneses Anxo Uzal e Cristian Suárez convocados para o Torneo Internacional Gran Slam de Braga

FOTO: CLUB DE LOITA SABARÍS // Mario Méndez, Anxo Uzal e Cristian Suárez no CGTD de Pontevedra.

Os baioneses Anxo Uzal e Cristian Suárez acudirán este sábado 25 de novembro ao Torneo Internacional (GSB) Gran Slam de Braga de Loitas Olímpicas, que se celebra no pavillón municipal de Tibães. Os dous integrantes do Club de Loita Sabarís formarán parte do combinado galego, composto por 40 deportistas, 4 técnicos e 1 responsable.

As categorías desprazadas son: escolar, cadete, júnior e sénior, e Galicia competirá nas 3 modalidades Olímpicas postas en liza no torneo GSB: Loita Libre Olímpica, Loita Feminina e Loita Grecorromana. Así, Anxo Uzal competirá na categoría cadete 58 kg da modalidade Loita Grecorromana, mentres Cristian Suárez participará na categoría escolar da modalidade de Loita Olímpica.

Esta nova convocatoria dos deportistas galegos forma parte dun cambio na súa preparación, tratando dende a Federación Galega de Loita que todos eles teñan un campionato o mes, o que significa un importante salto de calidade e cantidade na súa formación como loitadores e loitadoras.

Os seleccionadores galegos que viaxan o campionato teñen como principal obxectivo dar continuidade os deportistas en cada grupo de idade e de peso, para ter unha selección de deporte base consistente.

Anuncios