“O debuxo de Alba Carneiro demostra unha intensa concienciación ante a violencia de xénero”

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e a Concelleira de Igualdade, Mª Carmen Paredes, recibiron a Alba Carneiro Pérez, alumna do CPI Cova Terreña, unha das gañadoras do I Concurso Escolar contra a Violencia de Xénero organizado pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

Ángel Rodal encomiou o traballo da estudante e destacou a súa gran calidade. Tamén afirmou que “é meritorio que unha alumna baionesa realice un debuxo que demostre unha intensa concienciación ante a violencia de xénero”. Neste sentido, o rexedor apuntou que os adolescentes son os que deben liderar a loita por erradicar a violencia de xénero xa que eles son o futuro da nosa sociedade.

O alcalde e a concelleira entregaron á estudante unha carta e un pequeno obsequio en recoñecemento do seu bo traballo. “Síntome gratamente orgulloso de poder contar con talentos tan novos como ti, que non facedes senón engrandecer o nome da nosa vila alí onde participedes e facédesvos visibles”, reza un dos parágrafos da misiva.

Carneiro Pérez estivo arroupada pola súa nai, pola directora do CPI Cova Terreña, María Isabel Martínez Cabaleiro, pola Directora do CIM, Elena Otero, e por outros membros da corporación municipal.

A baionesa conseguiu o 3º premio na categoría 1 da modalidade debuxo-pintura, cun traballo co lema “No more silence”. O debuxo de Alba destacou de entre máis de trescentos traballos presentados.

O concurso persegue un dobre obxectivo: fomentar a creación literaria e artística e impulsar a creatividade e a imaxinación e incrementar a concienciación e sensibilidade dos escolares ante a violencia de xénero. Desta forma, o xurado valorou que abordasen esta violencia social e a igualdade entre mulleres e homes.

A entrega dos galardóns terá lugar nun acto que se celebrará o venres 24 de novembro na sede de Afundación de Pontevedra, véspera do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A moza baionesa recibirá como obsequio unha tablet e unha visita ao Estadio de Balaídos para toda a súa clase.

Este acto de recepción enmárcase na programación deseñada pola Concellería de Igualdade con motivo das actuacións do Día Internacional da Violencia de Xénero. Así, neste sentido, desde o Concello de Baiona contribúen ano a ano a esta loita contra a violencia de xénero a través de diferentes accións.

Concretamente neste ano, na liña de prevención e concienciación social dirixida a adolescentes, hai que poñer en valor o Programa de Prevención da violencia levado a cabo en todos os centros escolares do municipio e dirixidos a un gran número de escolares. Así, alumnado de 6º de primaria e 1º e 2º da ESO, participaron en sesións dirixidas por profesionais expertas centradas en sensibilizar sobre a importancia da igualdade a nivel social e persoal, fomentando un pensamento crítico coas desigualdades e aprendendo a ser conscientes de que é responsabilidade individual e conxunta que esta sociedade sexa máis xusta e igualitaria.

Como colofón a este programa está previsto que, para o vindeiro venres, día 24 de novembro, procédase á inauguración da exposición pública dos traballos realizados polo alumnado durante as sesións e das cales se extraeron os debuxos que forman parte dun calendario.

Este ano a Concellería de Igualdade centrou os actos e actividades do día 25 de novembro ao redor da mocidade ao entender como alicerce básico para erradicar a violencia a sensibilización deste colectivo, impartindo obradoiros tanto ao alumnado de educación primaria como ao da etapa de educación secundaria obrigatoria.

IMG_4775

Anuncios