Santiago Martínez e Ramón Dios, do Medialdea, subcampións de España de bolos celta por parellas

FOTO: FEDERACIÓN GALEGA DE BOLOS // Jose Ramón Dios e Santiago Martínez.

O pasado fin de semana celebrouse nas localidades de Cangas de Narcea e Tineo (Asturias), o XXVI Campionato de España de bolos celta por parellas, no que participaron un total de 16 parellas das comunidades autónomas de Asturias, Galicia e Madrid.

A Federación Galega de Bolos desprazou sete parellas entre as que se atopaba a campioa de España do ano anterior, Santiago Martínez e Ramón Dios do Club de Bolos Medialdea de Baiona. A pesar de non conseguir o campionato, a representación galega mostrou un bo nivel e estivo presente en cuartos, semifinais e na gran final.

O campionato levoullo a parella asturiana formada por Gaspar Suárez e Jaime González do Club de Bolos IV Los Valles (Tineo). Os subcampións foron a parella galega formada por Santiago Martínez e Ramón Dios do Club de Bolos Medialdea de Belesar (Baiona). Outra parella galega logrou a terceira posición, Diego Pérez e Abraham Rodríguez, do Club de Bolos O Sobreiro de Borreiros (Gondomar).

O resto de clasificados foron:
4º: Manuel e David Fernández do Club de Bolos Compastur (Tineo).
5º: Jota Fernández e David González do Club IV Los Valles (Tineo).
6º: Pablo e José Rodríguez do Club de Bolos Mañufe (Gondomar).
7º: José e Daniel Fernández do Club de Bolos Horizonte (Tineo).
8º: Marcos e Manuel Castaño do Club de Bolos o Trisquel (Tineo).

Campionato de Liga Galega de bolos celta

Rematado o campionato de Liga Galega de bolos celta 2017, a clasificación final en 1ª e 2ª división foi a seguinte:

Campión de Liga de 1ª división: Club de Bolos Belesar Urgal (Belesar-Baiona).
Campión de Liga de 2ª división: Club de Bolos Camos (Camos-Nigrán).
Descenden a 2ª división: Club de Bolos Ceán e Club de Bolos Estivada.
Promocionan por un posto en 1ª división: Club de Bolos Mañufe e Club de Bolos Camos.
Descenden a 3ª división: Club de Bolos San Cibrán B, Club de Bolos Belesar Urgal B, Club de Bolos Portameán A, Club de Bolos Portameán B e Club de Bolos Santa Eulalia.

Próximos torneos deportivos de bolos celta:
19/08/2017: Torneo de mestres de bolos celta en Belesar-Urgal (Baiona).
26/08/2017: Torneo de bolos de Peitieiros (Gondomar).
02/09/2017: Campionato de España por equipos en Camos (Nigrán).