Coemsa convoca o 5º concurso de Micro-Beléns de Sabarís

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís (Coemsa), coa colaboración da Furgolibro do Mercado da Tía Ni, organiza a quinta edición do concurso de Micro-Beléns. As creacións participantes, que deberán ter un tamaño máximo de aproximadamente 30×60 centímetros, permanecerán expostas do 18 de decembro ao 6 de xaneiro nos escaparates das tendas de Sabarís. Cun plano poderase facer unha ruta para descubrir e votar polo que máis guste.

O xurado estará formado por Nando Fernández, Juan Alderete e Ángel Vidal, que terán que valorar o premio ao “Máis orixinal”, ao “Máis currado” e ao “Belén tradicional mellor elaborado”. O premio ao “Máis popular” outorgarao o público que faga a ruta e vote.

Os premios entregaranse o sábado 30 de xaneiro no Rastro Familiar de Nadal organizado por Coemsa, na Praza Victoria Cadaval ás 18:00 horas. Os gañadores recibirán 100 euros consumibles nos negocios de Sabarís asociados a Coemsa ademais dun diploma, un lote de libros e un gravado de Irene Silva.

Para participar os interesados deben chamar ao teléfono 686 48 48 12.